A 30.ª edición dos galardóns repartirá este mércores 16 galardóns entre 17 espectáculos candidatos
06 abr 2026 . Actualizado a las 17:33 h.A figura e a obra de Manuel Lourenzo, histórico actor e dramaturgo galego falecido o pasado ano, converterase o mércores no fío condutor dos premios de teatro María Casares. Este ano son 17 espectáculos os que optan a 16 galardóns na trigésima edición dos principais recoñecementos das artes escénicas en Galicia. A gala celébrase a partir das 20.30 horas no Teatro Rosalía Castro da Coruña e poderá seguirse en directo a través de YouTube.
O eixo protagónico de Lourenzo non só ten que ver coa súa recente morte, senón coa súa figura fundamental na historia do teatro galego. «Foi o círculo que se pecha no teatro pero tamén no audiovisual e é un referente na escrita, sobre todo, pola visión crítica e moi humana. Para nós era unha figura que non podíamos deixar de festexar», dixo Eva Fórneas, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), onte durante a presentación da gala. «Queremos reivindicar tanto as loitas como as facetas laboral e artística de Manuel, e farémolo desde a celebración. O espectáculo será coma unha festa popular ao vivo: será un espazo no que cantaremos, bailaremos e reflexionaremos sobre a vida e obra de Lourenzo, mais sen caer na melancolía. Celebraremos o traballo dunha persoa e compañeiro excepcional, de todo un referente da nosa cultura», engadiu Gloria Rico, directora da cerimonia, amiga, alumna e compañeira de traballo de Lourenzo.
O tamén Premio Nacional de Literatura Dramática en 1997 compartirá protagonismo con Luma Gómez. Á actriz e activista recibirá un homenaxe coma figura fundamental do teatro galego e do movemento asociativo profesional. «Queremos darllo agora para que poida gozar e desfrutar do recoñecemento desde o escenario, como cada día, tamén detrás dos papeis, porque Luma é unha curranta nata», afirmou Eva Fórneas. «É tamén un premio moi merecido a alguén que leva loitando e traballando e facéndonos disfrutar ao longo de tantos anos», sinalou Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta, tamén presente na presentación do espectáculo.
As producións nomeadas
O resto dos personaxes principais que van a escribir un novo capítulo dos María Casares daranse a coñecer o mércores. Este ano 17 espectáculos optan a 16 galardóns en categorías que abarcan desde a interpretación ata os apartados técnicos e os espectáculos infantís e de monicreques. Entre as montaxes con máis candidaturas destacan Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, con 11 finalistas —incluíndo Espectáculo, Dirección e Texto—; A serie Clopen, do Centro Dramático Galego, con 10 —incluíndo Espectáculo, Dirección e Actriz Protagonista—; e Tromso, de Morraoconto, con 7 —incluíndo Espectáculo e Dirección—.
Os nomeados conforman unha nutrida selección que serve como escaparate da creatividade, da diversidade e da fortaleza do teatro galego, ao tempo que dota de visibilidade diante da sociedade da labor das compañías, dos elencos e dos diferentes oficios escénicos. «Os premios María Casares constitúen un símbolo do talento, da profesionalización e da capacidade de renovación das artes escénicas», salientou Jacobo Sutil.
Un paso máis alá foi Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, que durante a presentación quixo poñer de relieve o valor do teatro no fomento «da reflexión crítica e do pensamento na nosa sociedade sobre o que está a acontecer e non nos gusta e o que queremos cambiar». Así, animou a converter celebracións coma os María Casares en actos reivindicativos. Neste sentido Avia Veira, representante da Deputación da Coruña, non se esqueciu de nomear a outra actriz, á que dan nome os galardóns: «Foi unha das grandes do teatro e do cine europeo. Que estes premios leven o seu nome é un acto de xustiza e de memoria».