Carlos Callón reivindica o teatro como «chave decisiva» para revitalizar a lingua galega
CULTURA
O escritor barbanzán redactou o Manifesto do Día Mundial do Teatro 2026, que se lerá o próximo 8 de abril durante a cerimonia de entrega dos premios María Casares
25 mar 2026 . Actualizado a las 22:44 h.O escritor, profesor e activista Carlos Callón (Ribeira, 1978) reivindica o papel do teatro —como «chave decisiva»— no proceso de revitalización da lingua galega. E faino no marco do Manifesto do Día Mundial do Teatro 2026, que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) fixo público onte. Callón asina unha peza que conxuga elementos como a memoria histórica, a denuncia da diglosia e un chamamento á acción para garantir o futuro das artes escénicas no país. O texto lerase durante a cerimonia de entrega dos premios María Casares, que terá lugar o próximo 8 de abril.
Callón bota a vista atrás ata o tempo dos xograres para lembrar que a lingua galega naceu na lírica, pero «nun verso que non se lía, senón que se representaba, que se facía carne na voz e nas mans» polas xentes que danzaban, xesticulaban e cantaban á calor dunha lareira señorial ou na praza dunha vila, e que tiñan «moito de comediantes».
O autor subliña que «a nosa literatura trobadoresca é un tesouro abraiante, mais coñecemos só as táboas do naufraxio». E denuncia os séculos posteriores de discriminación e estigmatización nos que a lingua galega subía aos palcos madrileños para o escarnio, a través de personaxes ridiculizados que buscaban a gargallada fácil mediante o desprezo ao pobo traballador e emigrante. «Ensináronnos a degradarnos, a desvalorizarnos, a ternos por menos», incide Callón, para lembrar as prohibicións explícitas que desde o século XIX tentaron borrar o galego dos escenarios como estratexia para impoñer unha lingua única.
Un pasado que está latente no contexto actual de crise da lingua galega, e contra a que o teatro é o mellor antídoto, di Callón, que define as artes escénicas como unha ferramenta fundamental nos mundos de hoxe saturados polo dixital: «Nun momento en que o tanxíbel pide lugar fronte ao desengano do virtual, o teatro é unha chave decisiva para revitalizarmos a fala nosa».
Para que esta revitalización sexa efectiva, o manifesto reclama medidas concretas, como «unha rede de exhibición viva, unha educación escénica para toda a cidadanía e orzamentos serios que garantan a estabilidade do sector».