Nove voces clave na oralidade da poesía galega culminan o festival Respira!
CULTURA
Co encontro compostelán Galicia celebra por todo o alto o Día Mundial da Poesía e a chegada da primavera
22 mar 2026 . Actualizado a las 00:07 h.Nove voces clave na oralidade e fisicidade da poesía galega culminaron este sábado no teatro Principal de Compostela o Alguén que Respira!, o festival co que Galicia celebra por todo o alto o Día Mundial da Poesía e a chegada da primavera. Foron catro días de programa rebordante de versos no que tamén houbo tempo para facer memoria das súas nove edicións, na última que dirixirá o poeta e editor Antón Lopo (Monforte, 1961). A palabra cobrou corpo en Nuria Vil, Samuel Merino, Isaac Xubín, Silvia Penas, Lucía Aldao, Isabel Martín, Nieves Neira e María Grandío —unha indisposición impediu a participación de Estevo Creus— no encontro Son nove e non van ser dez, en que, amais da memoria, houbo unha decidida aposta pola fisicidade na poesía como eixo do Respira! desde a súa primeira entrega, onde o performático se impón.
Apenas dúas horas antes, os recantos secretos do teatro Principal —os que habitualmente non son accesibles ao público— foron os lugares onde Alexandre Fernández Peón (que botou a andar como poeta neste festival), Antón Reixa (que aquí protagonizou o regreso do histórico proxecto Rompente), David Trashumante (artista rioxano que é sempre unha man de axuda constante no encontro santiagués) e Ana Romaní con Chus Silva leron os poemas de Atravesei a cerca, o programa máis íntimo do Alguén que Respira! —e que se mantén desde a primeira edición—. O poema e o espazo alíanse neste ciclo coa estreita proximidade cos asistentes tamén como elemento estético.
A derradeira xornada do Respira! comezou de mañá cun café-faladoiro con Iván Castiñeiras, que conversou sobre o seu filme Deuses de pedra para despois pasar á proxección.