Tanxugueiras lanzan «Chorar chorei», o primeiro adianto de «O cuarto», seu próximo disco
CULTURA
Na canción exploran temas como a procura da identidade e a vulnerabilidade da sobreexposición tras o fenómeno mediático que marcou os seus últimos anos
13 mar 2026 . Actualizado a las 17:39 h.Tanxugueiras estrean Chorar, chorei, o primeiro adianto do seu novo disco, O cuarto, co que celebran unha década sobre os escenarios. Tras o fenómeno mediático destes últimos anos, Olaia Maneiro, Sabela Maneiro e Aida Tarrío apostan por un regreso consciente á matriz do folclore, integrando as melodías da música tradicional galega nunha estrutura de pop contemporáneo. As tres presentan a canción como unha exploración do choro. Falando de experiencias emocionais pasadas con versos como «eran tantas as miradas; eran tantas as palabras» conviven con alusións á sanación e a un choro que fai «crecer o mar». O tema chega reforzado pola presenza das pandereteiras Lina e Lola, cuxa participación actúa como fío condutor.
A produción recae nas mans de Iago Pico e Gabi Fernández, alianzas musicais que traballaron xunto ao grupo no proceso de creación de todo o álbum. A diferenza dos seus proxectos anteriores, a percusión tradicional e as voces de comunidade actúan aquí como eixo vertebral, apostando por unha instrumentación máis orgánica e limitando os artificios para deixar espazo a unha lírica que explora temas como a procura da identidade e a vulnerabilidade da sobreexposición tras o fenómeno mediático que marcou os seus últimos anos.
O videoclip, dirixido por Santa Mónica, captura o universo lírico do tema. Comeza coa imaxe das tres sentadas arredor dunha mesa e cortando e comendo unha tarta que simboliza a celebración do aniversario. «É o primeiro traballo onde contamos as nosas propias experiencias destes últimos catro anos; unha viaxe interior sobre a nosa relación como grupo e co noso contorno», explican nunha nota de prensa sobre o traballo.
Celebrarano nuns meses sobre os escenarios. Recalarán no Coliseum da Coruña o próximo 17 de outubro, o mesmo recinto no que, no 2023 e presentando o seu disco Diluvio, fixeron historia ao converterse no primeiro grupo galegofalante que penduraba o cartel de sold out nunha instalación na que reuniron preto de 9.000 persoas. Iso é o que perseguen repetir aproveitando a estrea do seu novo álbum na que será a única comparecencia en Galicia este 2026. As entradas están dispoñibles na web de Ataquilla e na billeteira da coruñesa praza de Ourense.