A montaxe teatral «Reconversión», favorita nos premios María Casares

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle da montaxe da compañía Ibuprofeno Teatro «Reconversión».
Detalle da montaxe da compañía Ibuprofeno Teatro «Reconversión». Diego Seixo

A obra de Ibuprofeno, con 11 candidaturas, terá os seus maiores rivais en «A serie clopen», do Centro Dramático Galego, con 10, e «TROMSØ», de Morraoconto, con 7

04 mar 2026 . Actualizado a las 23:04 h.

A montaxe teatral producida por Ibuprofeno Reconversión álzase como favorita para a noite dos premios da escena galega María Casares, que acadan a súa 30.ª edición cun total de 17 espectáculos finalistas en competición. Con once candidaturas, a peza —da autoría e dirección de Santiago Cortegoso, cofundador con Marián Bañobre da compañía— terá os seus maiores rivais en A serie clopen, do CDG (Centro Dramático Galego), con dez, e TROMSØ, de Morraoconto, con sete. Proba desa loita entre tres é que esta mesma terna xógase o galardón maior, o de mellor espectáculo do 2025; tamén o de dirección e o de dirección de movemento. A cerimonia terá lugar o próximo mércores 8 de abril no coruñés Teatro Rosalía Castro —onde se entregarán os 16 galardóns que responden a outras tantas categorías— e celebrarase co apoio da Xunta, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación Aisge, a SGAE e Gadis. Os nomes dos aspirantes déronse este mércores a coñecer en Santiago durante a tradicional festa de finalistas que acolle a cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. Nun encontro conducido pola actriz Chus Álvarez, e que contou coa asistencia de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Natividade González, responsable de cultura da Deputación da Coruña; Isabel Blanco, delegada de Aisge en Galicia; e Belén Yáñez, representante da SGAE, expuxéronse os detalles desta festa que organiza a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).

Foto de familia dos finalistas da 30.ª edición dos premios María Casares de teatro.
Foto de familia dos finalistas da 30.ª edición dos premios María Casares de teatro. Xoán A. Soler

Así, Reconversión pelexará pola estatuíña nos apartados de espectáculo, dirección (Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo), dirección de movemento (Armando Martén), actor protagonista (o propio Cortegoso), actor secundario —por partida dupla, César Goldi e Fran Lareu—, actriz secundaria (Cristina Collazo), texto orixinal (Cortegoso), espazo sonoro (Alonso Caxade), iluminación (Carlos Álvarez-Ossorio) e espazo escénico (Pablo Giráldez, o Pastor). A serie clopen aspira a impoñerse nas categorías de espectáculo, dirección (Pablo Reboleiro), dirección de movemento (Marta Alonso Tejada), actriz protagonista (Natalia Pajarito), texto orixinal (Clara Gayo e Reboleiro), espazo sonoro (Marcos PTT e Xosé Lois Romero), iluminación (Laura Iturralde), espazo escénico (Iturralde e José Faro), vestiario (Carlos Alonso) e maquillaxe (Erea Pérez). A terceira montaxe que acapara maior número de finalistas é TROMSØ, que opta aos galardóns de espectáculo, dirección (Rafa R. Martínez), dirección de movemento (Esther Latorre), espazo sonoro (Julia Ammerman e Lucía Iglesias), iluminación (José Faro Coti), espazo escénico (Rafa R. Martínez, Miguel Gendre, Lara Pouso e José Faro Coti) e vestiario (Rafa R. Martínez e Ana Gesto).

«Un deus salvaxe»

Un deus salvaxe, de Talía Teatro, opta a catro galardóns (actriz protagonista, adaptación-tradución, espazo escénico e maquillaxe) mentres que Vitória, retrato dunha denuncia, de Iria Pinheiro, pelexará por tres (actriz protagonista, actriz secundaria e texto orixinal). Alta costura, de Elefante Elegante, compite en dúas categorías (actriz secundaria e vestiario), como tamén o fai Berenguela na gaiola, de Galeatro e Xarope Tulú (adaptación-tradución e espectáculo infantil), e O libro da selva, o musical, de Ártika Cía (maquillaxe e espectáculo infantil).

Outras nove obras competirán como finalistas nalgunha categoría: Bibopalula. O espectáculo, de Ainé (mellor espectáculo infantil); Un tal Romeo, de aRamboia (actor protagonista, Fran Lareu); Mofa&Befa: Os dous de sempre, de Producións Teatráis Excéntricas (actor secundario, Josito Porto), Mala vida e pior morte de Ricardo III, tamén de Excéntricas (actor protagonista, Evaristo Calvo), Coa cabeza nas nubes, de SÖA (espectáculo infantil); A metamorfose, de Sarabela Teatro (adaptación-tradución); A biblioteca galáctica contra a IA fantástica, de Tanxarina (espectáculo de monicreques); Castelao, un corazón á intemperie, de Fantoches Baj (monicreques), e Gabinete Mirabilia, de Pablísimo (monicreques).