Primavera das letras comeza en Vigo cunha obra de teatro de An Alfaya

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

A comunidade do CEIP O Pombal posou cos familiares de Begoña Caamaño e membros da Academia.
A comunidade do CEIP O Pombal posou cos familiares de Begoña Caamaño e membros da Academia. M.Moralejo

A Academia elixiu o Colexio O Pombal para iniciar o seu programa escolar

02 mar 2026 . Actualizado a las 19:33 h.

«Deixástesme desarmada», exclamou, sorprendida, Beatriz Caamaño tras ver e escoitar a dramatización musicada protagonizada polo alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe O Pombal de Vigo sobre a figura da súa irmá, Begoña Caamaño. Foi o emotivo acto co que a Real Academia Galega iniciou a Primavera das Letras, o apartado relacionado co Día das Letras dirixido aos centros escolares do país. A autora da obra é a escritora viguesa An Alfaya, que estudou coa muller homenaxeada este ano na festa da lingua galega. Tanto o texto como as ilustracións, realizadas por Laura Romero, da peza teatral Uuu-uuu, Begoña! (Teatro para a infancia cun lanzamento, tres lances e un desenlace), están dispoñibles na páxina web de primaveradasletras.gal.

Beatriz Caamaño, que estivo acompañada por varios familiares, mostrou a súa satisfacción pola representación teatral e animou aos nenos e nenas do centro educativo vigués a buscar o seu camiño e que o exemplo da súa irmá lles sirva de guía para reflexionar sobre a vida. «Non caledes nunca, dicídeo porque o mundo está feito para ser cambiado», sentenciou, non sen destacar as múltiples causas que defendeu a súa irmá falecida no 2014 cando só tiña 50 anos.

O acto foi presentado pola académica Fina Casalderrey que, a modo de conto, explicoulle aos alumnos do centro o papel da Real Academia, cuxo presidente, Henrique Monteagudo, tamén estivo presente. «Primavera das letras busca ser unha ponte entre a RAG e os colexios de toda Galicia», explicou Fina Casalderrey, coordinadora deste proxecto que se desenvolve desde 2016 co apoio da Deputación da Coruña. A escritora buscou a complicidade e a participación do alumnado para que lle recordaran, de cando en vez, o nome da escritora a que estaban a homenaxear. Nese contexto, os nenos e nenas remataron corearon unha frase proposta por Fina Casalderrey: «Begoña, nós, coma ti, en galego, a nosa lingua guapa».

An Alfaya rescatou para a súa obra as heroínas dos libros de Begoña Caamaño, ás que levou montadas en eguas a un bosque máxico, onde habitan a curuxa Maruxa e o moucho Moncho. Laura Romero encargouse de darlle imaxe e cor a eses personaxes. Esta peza foi concibida para se ler e representar dentro e fóra das aulas. «Aínda que curta, a obra literaria de Begoña Caamaño foi absolutamente renovadora no panorama galego. Deulles a volta aos mitos, nos que os heroes eran sempre os homes, e contounos dándolles voz ás mulleres. Por iso tiven claro desde o principio que nesta obra tiña que haber unha comuñón entre a creadora e as súas creacións, para achegarlles tamén ás nenas e aos nenos eses mitos. Para que saiban quen eran Circe e Morgana, para que se fagan preguntas», subliñou An Alfaya.

A singularidade do violeta

Pola súa banda, a ilustradora Laura Romero explicou o empregou maioritario da cor violeta no seu traballo pola súa singularidade, non só polo seu significado relacionado co feminismo, senón tamén pola súa escaseza na natureza.

«Escollemos unha escola do barrio do Calvario, o territorio vital da infancia de Begoña Caamaño, para abrirmos o noso calendario de celebracións das Letras Galegas 2026 porque a semente, o presente e o futuro da nosa lingua e da nosa literatura reside en boa medida en espazos coma estes», explicou o presidente da Real Academia Galega.

«Dende que no ano 2016 empezamos coa Primavera das Letras, dende a Academia sabemos o bo traballo que fan os centros de ensino do país, e énchenos de emoción e ilusión porque é a semente para amar a nosa cultura», apuntou Henrique Monteagudo.

Primavera das letras ofrece aos centros educativos galegos unha serie de recursos didácticos para que poidan afrontar traballos propios en torno as persoas elixidas para conmemorar o Día das Letras Galegas, no caso deste ano actual, dedicado a viguesa Begoña Caamaño.