O Emigrason afianza o seu modelo en Bruxelas e xa mira cara a Bos Aires
CULTURA
«En Arxentina hai posibilidades reais de facer algo», adianta a organización
03 mar 2026 . Actualizado a las 15:20 h.Hai dúas cousas que definen o festival Emigrason. Unha sucede de portas cara a dentro, cun espírito insólito no que artistas, organización, técnicos, xornalistas, patrocinadores e creadores de contido dixital conviven sen apenas barreiras. «A sensación de excursión de fin de curso é tremenda», sintetiza xa no aeroporto O Chicho do Funk, alma de Ortiga, que namorou o sábado co seu concerto. A outra ten lugar enriba do escenario, na conexión directa cos artistas e co público. «É coma tocar en Galicia. Non nos sentiamos fóra. Hai unha sensación de comunidade de galegos chegados de todas as partes que é marabillosa», comenta Álex Guillán, de Baiuca.
Todo iso perdurou nesta cuarta edición, na que o evento de Bruxelas volveu medrar. «Foi un salto dun 10 %», concreta Mateo González, unha das seis persoas que organizan este festival creado no 2023 coa intención de levar á capital europea a música que se fai actualmente en Galicia. Dos preto de150 asistentes ao pequeno local da primeira edición pasouse aos máis de 1.500 da xornada grande na sala La Madeleine e aos 700 do venres en La Tricoterie. Aínda así, poderían ser máis. «Se queremos medrar en Bruxelas, só temos unha opción: a sala L'Ancienne Belgique. Intentámolo, pero, cando contactamos, tiñan todo o 2026 completo», explica González, que, en todo caso, asegura que «manter o nivel que temos xa é ambicioso».
Non lle falta razón. O acadado por estes mozos que xa apuntan á trintena é tan meritorio que na expedición é constante a pregunta sobre unha posible profesionalización. «Nós non podemos renunciar aos nosos traballos para dedicarnos a isto —insiste González—. Para profesionalizarnos precisariamos un socio. Tamén a entrada de colaboracións con grandes empresas galegas. Este ano estivo con nós Finsa, e iso motivounos moito. En Galicia hai empresas grandes e exportadoras en Europa para as que este evento é un bo escaparate para a súa marca e o seu equipo humano».
Nesta edición, o Emigrason presentou unha novidade. A primeira xornada acolleu varios artistas emerxentes, como Paloma Paloma, Fer e 9Louro. «É o primeiro festival no que toco, pero non penso que en ningún outro haxa esta sensación de estar en familia que hai aquí», di a primeira. A segunda xornada, ademais de Ortiga e Baiuca, contou con Sabela abrindo. «Unha experiencia brutal e superemocionante», resume a cantante. Pecharon The Rapants, un grupo tan ligado ao festival que xa é a terceira vez que actúa. Xanma Louro, o seu cantante, devolve o amor: «O Emigrason é o mellor que nos pasou na vida; é un orgullo medrar con eles, porque eles medraron con nós. Se puidésemos vir todos os anos así, eu asinaba agora mesmo!». Sobre o que se vive, Xaquín, o batería, ten unha idea: «Creo que unha produtora de cine tería que vir a Bruxelas e rodar un High School Musical versión Emigrason. Hai potencia».
Aínda que Mateo González admite que manter o nivel actual do Emigrason xa é, de por si, un obxectivo grande, non tarda en debuxar o seguinte paso do festival: a súa expansión transoceánica. «O 18 de marzo viaxamos a Arxentina Karan [Novo, outro compoñente da organización] e eu, e queremos aproveitar para manter reunións coa galeguidade de alí. Os centros galegos de Bos Aires seguen sendo moi potentes, a Xunta conta cun delegado no país e xa existen precedentes de colaboración institucional», explica. Lembra, por exemplo, a viaxe de Baiuca alí ou a experiencia previa do festival en Suíza, da que xurdiu un intercambio. Así, a Irmandade Galega en Suíza e ACG A Roda estiveron no Emigrason.
«En Arxentina hai posibilidades reais de facer algo», asegura. A idea pasa por levar unha mostra da música galega actual. «Hai unha riqueza cultural enorme, pero que quedou ancorada no século pasado. Cremos que a xente nova non coñece moito do que se fai hoxe», apunta. O obxectivo sería crear unha extensión do festival «con concertos en Bos Aires de nomes como Fillas de Cassandra ou The Rapants, para amosar cal é a música galega que escoita hoxe a mocidade, proxectos que superan amplamente as 100.000 reproducións en plataformas como Spotify».
«Vin desde Nova York aquí para ver a The Rapants»
Ao Emigrason acode xente de todos os recantos de Europa. É algo que impresiona a primeira vez que alguén asiste, pero, logo, convértese no normal. Para destacar hoxe hai que mirar máis alá. E aí aparece Mónica Formoso Lago, unha galega nacida nos Estados Unidos que o tivo claro: «Vin desde Nova York aquí para ver a The Rapants», sinala fachendosa cunha camiseta deles.
Mónica, filla de emigrantes de Muros, lembra cando saíron as entradas do festival: «Puxen o espertador nos Estados Unidos ás seis da mañá para comprar as entradas. E, menos mal, que foron sold out en nada. Despois busquei e tiven a sorte de atopar un voo barato para vir. Non o pensei».
Esta deseñadora de roupa di que empezou a escoitar música en galego para practicar o idioma. «Que mellor maneira? Nos últimos anos saíu moita música en galego desde Muros. Eu son veciña de Samuel [o guitarrista de The Rapants]. Volvinme moi fan da música galega, dos Rapants, 9louro e así. Tamén me gustan moito Fillas de Cassandra e Ortiga. Escoitei que había un festival en Bruxelas e dixen: “Se me teño que subir a un avión para alí, métome”».
Imaxina no futuro un Emigrason en Nova York? «Oh, my God, encantaríame!», contesta mesturando inglés e galego. «Alí hai moitos galegos. Con quen hai que falar? —ri —Sería un soño que eses grupos tocasen alí».