Espirais

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Petróglifos en Vimianzo.
Petróglifos en Vimianzo. PABLO SANMARTÍN / A RULA

03 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Aespiral é, quizais, un dos símbolos máis poderosos da humanidade. A diferenza do círculo, que é pechado e estático, a espiral representa a expansión, o crecemento e a viaxe da alma. Na natureza, atopámola no centro das nosas galaxias, na forma dos furacáns, na disposición das sementes dun xirasol ou mesmo na delicada cuncha dun caracol… Detrás da beleza dunha espiral adoita agocharse unha regra matemática: a sucesión de Fibonacci (0, 1, 1, 2, 3, 5, 8, 13...). Nesta serie, cada número é a suma dos dous anteriores. Cando esta sucesión se traduce en cadrados e debuxamos un arco que os atravesa, aparece a Espiral de Ouro ou Proporción Áurea. É a mesma proporción que rexe a curvatura das cunchas dos náutilos, a disposición das follas nas plantas para recibir o máximo de luz, a estrutura das piñas dos nosos piñeiros e así un longo etcétera.

Cando miramos os nosos petroglifos as espirais e os labirintos gravados na pedra non son simples debuxos. Son o eco dunha humanidade que, con absoluta reverencia, hai máis de 4.000 anos xa observaba estes patróns naturais. No caso do Labirinto de Mogor trátase dunha das representacións máis complexas. Aínda que non sexa unha espiral pura de Fibonacci, comparte a mesma lóxica de crecemento desde un centro cara ao exterior. Por outra banda, os moi recorrentes círculos concéntricos son a forma máis común na nosa arte rupestre. Poderían representar a enerxía que se expande, como a pedra que cae nun estanque, ou quizais unha forma primitiva de contar o tempo e os ciclos astronómicos. Para os antigos habitantes de Galicia, gravar unha espiral no granito podería ser unha forma atrapar o infinito. Non saberían o que é un algoritmo, pero entendían as pulsacións do mundo. O feito de que hoxe poidamos explicar cunha fórmula matemática o que eles sentían como rito sagrado é o que fai que os nosos petroglifos sexan tan fascinantes. Hoxe, cando vemos unha fervenza (como as que tanto me gustan), observamos como a auga crea remuíños ao caer e estamos vendo a sucesión de Fibonacci en movemento. Tamén cando miramos un petroglifo baixo a luz do solpor vemos esa mesma enerxía que se conxelou na pedra eternamente.