9Louro conquista Bruxelas e confirma o seu momento dourado no festival Emigrason
CULTURA
O rapeiro de Muros triunfa na primeira xornada do evento, na uqe tamén actuaron Paloma Paloma e Fer
28 feb 2026 . Actualizado a las 11:29 h.O rapeiro de Muros 9Louro triunfou na sala Tricoterie de Bruxelas antes de facelo, dentro de dúas semanas, na Capitol de Santiago. A súa actuación, encargada de pechar a primeira xornada do festival Emigrason, serviu para confirmar a celebrada posición como un dos novos referentes desa música galega de raíz urbana, aberta a múltiples influencias. Martín Louro é un artista que combina un rap emocional, case confesional, con ritmos que de súpeto se mergullan en sonoridades latinas, creando unha efervescencia que contaxia a todo o público. A resposta da sala foi inmediata: coreos, saltos, explosións de pogo e unha entrega total. O entusiasmo disparouse cando Xanma Louro, o seu irmán e cantante de The Rapants, apareceu no escenario para unirse á festa e cantar con el, poñendo un final perfecto ao recital.
Antes da súa actuación, o público tivo ocasión de descubrir a Paloma Paloma, unha artista compostelana que está a preparar o seu primeiro disco. Adiantou varios dos temas do mesmo. O seu pop acústico transmite intimidade. Ela mesma explica nunha das cancións que desexa que a música soe como cando a interpreta no seu cuarto, sen artificios nin distraccións. Nuns meses poderase escoitala pasada polo filtro do estudo.
Con todo, quen máis impacto causou na xornada inaugural foi Fer, coñecido por ser no pasado a metade do dúo Verto e que trouxo ao festival a súa proposta en solitario. Non foi un concerto ao uso. Cantando directamente á cámara (tras el unha pantalla deixaba ver o que esta filmaba), o músico despregou o seu pop inclasificable, cheo de xiros inesperados. Recreou os temas de Unha historia (2024) cunha posta en escena performativa na que, oculto tras unha máscara, combinou bailes inspirados en TikTok, movementos teatrais e incluso se arrastrou polo chan ao estilo Aitana.
Este primeiro bocado do festival, centrado nos artistas emerxentes, continuou con A Roda da Irmandade Galega en Suíza, nunha foliada que encheu o espazo de música popular e baile. A noite rematou coa sesión de Duendeneta DJ's, que durante tres horas fixeron bailar a todo o mundo cun set de temas en galego: desde Os Resentidos ata The Rapants, pasando por clásicos e novidades que puxeron a sala patas arriba.