Hoxe non recibirei a túa chamada despois de leres a prensa, como facías sempre que te mencionaba. Mostrábaste sorprendido polas palabras de recoñecemento e engadías, cun sorriso apenas intuído, que sabía máis de ti ca ti mesmo, coma se iso fose posible. Xesús Alonso Montero deixounos na mañanciña de onte, tras noventa e sete anos de entrega fonda e compromiso inquebrantable co noso idioma e co país.
Aquel neno que naceu en Vigo, pero medrou en Ventosela, escolleu estudar Filoloxía Románica en Madrid, e foi alí onde, por vez primeira, sostivo nas súas mans un libro en galego, na lingua dos rapaces do Ribeiro da que el se enchoupara nos anos de vida rural. Nunca escoitara falar de Castelao nin de Machado, mais axiña procurou novas daqueles autores proscritos polo réxime, guiado por Xosé Ramón Fernández-Oxea, vello galeguista de quen sempre falaba con devoción.
A súa traxectoria profesional destaca pola súa faceta de profesor, recoñecida por centos de alumnos e alumnas que se senten discípulos de don Xesús. Poucas persoas de profesión mestre foron tan esencialmente mestres; mesmo despois da súa xubilación non deixou de visitar institutos nin de impartir conferencias. Esa faceta de divulgador, de sementador —como diría Cabanillas— non se pode obviar: as súas palabras, a súa emoción e a súa solvencia engaiolaban sempre o auditorio. Foron especialmente felices os anos en que presidiu a Real Academia Galega, percorrendo o país sempre coa mesma paixón pedagóxica, coa vontade de facer comprender que a cultura non é un enfeite, senón unha forma de dignidade colectiva.
Quizais foi o último intelectual en Galicia que mantivo vivo un parladoiro: facíao na cafetería Verona de Vigo, mais antes fora en Teis e en Lugo, convertendo o café nun espazo de debate, memoria e aprendizaxe compartida.
A súa obra permanece: os seus estudos rigorosos sobre a poesía popular; os poetas alófonos en galego; os autores exiliados; os escritores galegos ante a Guerra Civil; os intelectuais marxistas e militantes comunistas en Galicia; as cartas de republicanos condenados á morte; e, claro está, os seus estudos sobre Curros Enríquez, Castelao, Otero Pedrayo, Seoane, Rosalía, Pimentel, Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro.
Non haberá xa parladoiro nin chamada, tampouco conferencias que excedan o tempo, pois cando o mestre falaba ninguén tiña présa; mais queda a semente. E mentres haxa quen lea, quen escoite, quen fale galego, Xesús Alonso Montero seguirá connosco, vivo na lingua que defendeu e no país que tanto amou, lembrándonos a importancia de construír memoria, identidade e liberdade.