O festival do imaxinario de Galicia lanza un relato de terror escrito polo «Stephen King de Arousa»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CULTURA

<span lang= gl >Manuel Losada (esquerda) e Santipérez, escritor e ilustrador do relato de terror por entregas do Curtas de Vilagarcía</span>
Manuel Losada (esquerda) e Santipérez, escritor e ilustrador do relato de terror por entregas do Curtas de Vilagarcía cedida

O vilagarcián Manuel Losada e o ilustrador Santipérez converten a capital arousá nun portal entre dimensións escenario dunha batalla entre o ben e o mal, o argumento elixido polo Curtas de Vilagarcía como a súa nova carta de presentación ao mundo

05 feb 2026 . Actualizado a las 10:44 h.

Elevado ao altar dos 90 mellores festivais do xénero no mundo polo portal de referencia estadounidense Dread Central, o Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa traballa desde hai tempo en transcender o marco dun certame de cinema, para dotarse dun universo propio que o faga único e proxecte a capital arousá a nivel internacional. A exposición de monstros da súa última edición, única en Europa, ou o concurso de guións con titorización e rodaxe con medios humanos e técnicos da industria audiovisual baixo o cartel de Curtas Mutantes son algúns dos piares usados nesta empresa. Historias desde o Limiar pretende chegar a ser unha das novas ventás con mellores vistas do Curtas.

A organización do certame que dirixe Luis Miguel Rosales vén de reunir o escritor vilagarcián Manuel Losada, alcumado por moitos dos seus fieis lectores como o Stephen King de Arousa, e o ilustrador madrileño Santiago Pérez Domínguez, Santipérez, para crear un relato de terror por entregas que lle presente ao mundo a imaxe e a idea coa que o Curtas quere empezar a ser recoñecido entre os afeccionados ao xénero e a súa industria a nivel mundial. O argumento de base, a presenza en Vilagarcía de Arousa dun portal entre dimensións, e «a loita por manter a estabilidade da nosa realidade contra as sombras e criaturas primixenias que axexan ao outro lado do limiar e ameazan con coarse no noso mundo», explica o equipo responsable do festival do imaxinario de Galicia.

Cartel anunciador do novo proxecto literario do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, que baixo o título  Historias desde o Limiar , reúne o escritor vilagarcián Manuel Losada e i ilustrador Santipérez nun relato de terror por entregas.
Cartel anunciador do novo proxecto literario do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, que baixo o título Historias desde o Limiar , reúne o escritor vilagarcián Manuel Losada e i ilustrador Santipérez nun relato de terror por entregas.

A escolla dun formato híbrido por entregas —a primeira está xa dispoñible desde este primeiro xoves de febreiro, en versión galega, castelá e inglesa— busca facer de Historias desde o limiar un prólogo de luxo para o festival, ofrecéndolle ao público a través da súa web e redes sociais «adentrarse nesta batalla pola realidade», cos «relatos e ilustracións funcionando como pezas dun mesmo mecanismo narrativo que lle permitirán ao público mergullarse na atmosfera do certame» nos meses previos á súa celebración. A creación de Manuel Losada e de Santipérez culminará coa súa publicación en formato físico, recuperando deste xeito a cita decana do audiovisual galego na súa 54.ª edición a vertente literaria que abrira coa chegada de Luis Miguel Rosales á súa dirección no 2015, interrompida desde o 2020 a raíz da pandemia de covid-19.

«Para Curtas Festival do Imaxinario é unha verdadeira honra contar coa pluma de Manuel Losada e a arte de Santipérez. Levabamos moito tempo querendo colaborar pola súa mestría para facer tramas arrepiantes e crear mundos visuais hipnóticos», declara Rosales; «esta colaboración permítenos desenvolver a idea na que traballabamos desde o ano pasado e que a mitoloxía de Curtas Festival do Imaxinario 2026 cobre vida propia» mesmo antes da súa celebración, do 23 de outubro ao 1 de novembro, engade o director.

Especializado no terror humano e no suspense afondado pola proximidade da ambientación xeográfica e humana na súa Arousa, o vilagarcián Manuel Losada conta con oito libros na súa traxectoria literaria, entre eles, La fábrica del olvido (2017), O misterio da illa de Cortegada (2019) ou El banco de Carmen (2025). Con 400.000 copias vendidas, o primeiro deles rentoulle unha colección de lectores ávidos da súa forma de construír atmosferas opresivas que lle valeron o alcume de Stephen King de Arousa.

Do compañeiro de Losada en Historias desde o limiar, Santipérez, os milleiros de visitantes e espectadores da última edición do Curtas puideron gozar dunha retrospectiva na que se visualizaba o seu estilo meticuloso, que bebe de influenzas como Bernie Wrightson, e a súa capacidade para moldear mundos visuais hipnóticos reflectida en obras como Various Horror Visions ou El Taxidermista.

Pincha aquí para ler a primeira entrega de Historias desde o limiar:

Versión en galego

Versión en castelán

Versión en inglés