A Fundación Otero Pedrayo reelixiu a José Eduardo López Pereira
31 ene 2026 . Actualizado a las 15:40 h.O Padroado da Fundación Otero Pedrayo acordou conceder o Premio Trasalba 2026 ao profesor Ramón Villares Paz en recoñecemento á súa traxectoria intelectual e ao seu compromiso continuado coa cultura galega. A decisión foi adoptada pola Comisión de Goberno da entidade, que salientou a súa «entrega á causa oteriana» e os moitos anos dedicados á investigación da Xeración Nós desde a historia e a xeografía.
No acordo faise referencia expresa ao ensaio Fuga e retorno de Adrián Solovio (Galaxia, 2018), considerado pola Fundación como unha das obras clave para achegarse hoxe á figura e ao pensamento de Ramón Otero Pedrayo. O Padroado valorou tamén a capacidade de Villares para integrar investigación académica e acción cultural ao longo da súa carreira, tanto desde as súas responsabilidades institucionais —como reitor da Universidade de Santiago de Compostela e presidente do Consello da Cultura Galega— como desde o seu labor docente e investigador. Historiador de referencia na historiografía galega contemporánea, Ramón Villares é autor de títulos fundamentais como Historia de Galicia, obras que contribuíron de maneira decisiva ao coñecemento da identidade galega desde unha perspectiva aberta a Europa, unha liña de pensamento moi vinculada á vida e á obra de Otero Pedrayo.
Xunto ao anuncio do Premio Trasalba 2026, o Padroado da Fundación Otero Pedrayo confirmou tamén a reelección da súa presidencia, liderada por José Eduardo López Pereira. Ábrese un novo mandato marcado pola continuidade e a intensificación das liñas de traballo xa iniciadas. Entre os obxectivos estratéxicos figuran a visibilización e revitalización da figura de Otero Pedrayo como Patriarca das Letras Galegas, o reforzo da presenza pública da Fundación e a creación de sinerxías con institucións como a RAG, o Consello da Cultura Galega, universidades e outras fundacións culturais.
No plano editorial e divulgativo, a Fundación ten en marcha varios proxectos, como a reedición e publicación de obras de Otero Pedrayo, a preparación dunha antoloxía de textos comentados para estudantes de Bacharelato ou a edición de obra dispersa e inédita. A programación inclúe tamén iniciativas audiovisuais e expositivas, como o documental Otero Pedrayo e a paisaxe, unha exposición itinerante sobre a súa vida e obra, ou a construción do miradoiro Bocarribeira de Otero Pedrayo, prevista para este mesmo ano. Estas actuacións forman parte dun calendario que se intensificará ao longo do Ano Oteriano, no que a Fundación aspira a ampliar públicos, con especial atención á xuventude, e a consolidar o legado dun dos grandes referentes da cultura galega contemporánea.