Aporta 66 caixas de documentos que recollen a súa traxectoria profesional
29 ene 2026 . Actualizado a las 16:09 h.O exreitor da Universidade de Santiago (USC) e actual profesor emérito Ramón Villares (Xermade, 1951) vén de doar o seu arquivo persoal á institución académica compostelá para que forme parte dos fondos do Arquivo Histórico Universitario (AHUS). Trátase dun total de 66 caixas con varios centos de documentos que testemuñan a súa extensa e prolífica traxectoria profesional, desenvolvida ao longo de case medio século no ámbito da investigación historiográfica. O acto simbólico de doazón desenvolveuse onte no arquivo da universidade coa presenza do propio Villares, o reitor da USC, Antonio López Díaz, e a directora do AHUS, Désirée María Domínguez Pallas.
O arquivo persoal do catedrático emérito de Historia Contemporánea abrangue dende os traballos de investigación nos que participou —tanto propios como tutelados—, que veñen acompañados de referencias, textos, fichas e reproducións de numerosas fontes documentais, ata os relativos á súa actividade docente, que inclúen información sobre o estudantado, asistencias a congresos, artigos e diverso material didáctico. Así mesmo, a doazón aporta documentación relativa á súa etapa como reitor da Universidade de Santiago, entre outros arquivos non só vinculados á súa traxectoria profesional na institución académica compostelá, senón tamén a outras entidades culturais galegas e do resto do país.
«Como historiador, considero que a miña obriga é que no futuro se poida ver a través desta documentación unha parte do labor que realizamos as persoas que nos dedicamos á investigación histórica. Os procesos de construción da Historia cambian co tempo e, por iso, creo que a importancia destes materiais radica en que poden amosar como traballabamos nos anos setenta, oitenta, noventa...», explica Ramón Villares, que enfocou a maior parte da súa carreira ao estudo da historia social e económica de Galicia. «Tamén hai informes xa elaborados que poden ser útiles para outros investigadores e que están centrados sobre todo na historia agraria, os catastros e as fontes relacionadas coa desamortización», agrega o profesor.
Un gran valor intelectual
A directora do Arquivo Histórico Universitario, Désirée María Domínguez Pallas, destaca que o valor histórico dos documentos aportados por Villares atópase «na relevancia profesional e intelectual da figura que os produciu e acumulou ao longo da súa dilatada vida académica e laboral, así como no estreito vínculo que mantivo coa Universidade de Santiago de Compostela». Un vínculo que comezou nos anos setenta, cando Villares cursou na Facultade de Filosofía e Letras os seus estudos na rama de Historia, e que continúa ata hoxe no seu papel de catedrático emérito.
Aínda que esta doazón abrangue a práctica totalidade da faceta profesional do autor de Galicia. A Historia, o propio Villares adianta que no futuro haberá máis. «O arquivo persoal non está completo, porque hai documentos nos que estou traballando e libros que publiquei nos últimos anos que non están incluídos. Ademais, hai outras fontes que só se atopan en soporte dixital. Espero que nun tempo poida aportar máis», sinala para salientar que onde mellor pode estar toda esta información é «nunha institución como a USC que a conserve dun xeito correcto. Estoulle moi agradecido á universidade por querer coidar este legado», conclúe o investigador.