Exposicións, obradoiros e contacontos nas bibliotecas incidirán no traballo e na obra dun artista que naceu «para debuxar»
22 ene 2026 . Actualizado a las 21:49 h.«Eu cheguei á ilustración de casualidade, non o souben ata os 20 anos. O que estaba claro é que nacera para debuxar», afirmou onte Siro López, despois de amosar o seu agradecemento «infinito» pola decisión de dedicarlle o Día da Ilustración 2026, que se conmemora o 30 de xaneiro. Para afondar tanto no traballo do artista ferrolán coma na reivindicación da ilustración e dos profesionais deste eido, a Xunta e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) organizarán unha vintena de actividades nas bibliotecas de xestión autonómica, así como nas escolas de arte de Lugo, A Coruña e Ourense. A programación terá como cita destacada a mostra bibliográfica Siro. A vida nun lapis, que se inaugurará o día 30 na Biblioteca de Galicia, en Compostela. Ademais, haberá talleres de ilustración, sesións de contacontos, charlas e un concurso de caricaturas, entre outras propostas. Tanto o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, coma a presidenta de AGPI, Laura Romero, incidiron en que estas actividades, ademais de servir de homenaxe a Siro, buscan dar a coñecer o papel dos ilustradores e que se teña en consideración o seu traballo. «A ilustración fana os profesionais, non a intelixencia artificial», remarcou Lorenzo.
Con este recoñecemento, Siro convértese na única persoa cun dobre papel destacado no Día da Ilustración, xa que, ademais de converterse na figura homenaxeada deste ano, encargárase do cartel do calendario do 2023, lembrou a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal. Este ano, a encargada de asinar o cartel é Clara Cerviño, que quixo enviar nel unha mensaxe sobre a necesidade de volver á natureza e conectar co esencial.
Na presentación das actividades, Siro recordou os seus inicios como caricaturista cando retratou a douscentos compañeiros de traballo. Sobre eses comezos, o artista bromeou, ao indicar que algunha das súas primeiras propostas artísticas eran «un horror; era para fusilarme». Todo cambiou, detallou, a partir da serie Os pecados capitais. O artista ferrolán engadiu, con retranca, que non vai morrer neste ano: «Vouno desfrutar por min e por [Xosé] Vizoso. Se palmo, sería gafar o premio», en referencia ao falecemento do anterior homenaxeado.