Pepe Barro, recoller o fío que tenderon Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo co Laboratorio de Formas

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Pepe Barro, nestes días atrás, dando os derradeiros retoques á montaxe da mostra «O arquivo de Barro» na sala de Didac.
Pepe Barro, nestes días atrás, dando os derradeiros retoques á montaxe da mostra «O arquivo de Barro» na sala de Didac. Carme Verdú

A compostelá Fundación Didac presenta este venres unha exposición baseada no arquivo do deseñador gráfico galego Pepe Barro, depositado na entidade no 2024

16 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

É historia viva do deseño galego. E dalgunha maneira entendeu que —aínda tremendamente activo como está, enfrascado en mil proxectos— chegou o tempo de facer balance, de trazar un relato de historia persoal que tamén é un relato de historia de Galicia. Porque dende que Pepe Barro (Pontedeume, 1955) iniciou a súa actividade profesional en 1973 non só pasaron máis de cincuenta anos senón que neses cinco decenios saíron do seu gabinete algunhas das propostas cruciais para o cambio de imaxe de país, nese imparable camiño de modernización aínda por concluír. Así, a camiseta da selección galega de fútbol, a reforma museográfica da casa de Rosalía, a colaboración coa Editorial Xerais, a identidade corporativa da compañía agroalimentaria Pazo Vilane e tantos chanzos máis nesa gran escada ao ceo que erixe. Un labor que fixo non só pensando nese futuro que hoxe é case presente senón, por riba de todo, tendo o pasado escrutado, peneirado e coñecido.

Ben o sabe Mónica Maneiro, que, xunto con Gemma Mora e María Valcárcel, asumiu o comisariado da mostra que inaugura na tarde deste venres 16 de xaneiro —ás 19.00 horas— a compostelá Fundación Didac e que está conformada en torno ao arquivo de Barro, que, por certo, ten depositado na entidade desde o 2024. Un dos valores da súa carreira que en máis consideración ten Maneiro é precisamente como el foi quen, xa desde os seus inicios, de recoller o fío que tenderon os pioneiros nun tempo en que o labor profesional e creativo era un asunto con maneiras heroicas. «Penso que o máis importante en Barro é que foi capaz de comprender aquilo que quixeron traballar Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo cando nos anos setenta puxeron en marcha o Laboratorio de Formas», subliña para incidir en que de seguido pasou a defender esa idea de que «existen formas propias da cultura que é necesario recoller», como a necesidade de compoñer, a través delas, «un dicionario visual de formas propias de Galicia coas que expresarnos e identificarnos na nosa diferenza».

Pepe Barro, ultimando a montaxe de «O arquivo de Barro». Á dereita, Barro, con boina, inspecciona as pezas acompañado do equipo da fundación compostelá (de vermello, a comisaria Mónica Maneiro).
Pepe Barro, ultimando a montaxe de «O arquivo de Barro». Á dereita, Barro, con boina, inspecciona as pezas acompañado do equipo da fundación compostelá (de vermello, a comisaria Mónica Maneiro). Carme Verdú

Maneiro enxalza a relevancia que alcanza esa achega de país que supón manter unha posición de conservación da propia cultura «neste mundo dominado hoxe en día pola uniformidade que trae consigo a globalización». Nun sentido similar, xulga clave a súa aportación como teórico, investigador e ensaísta mediante o estudo do deseño en Galicia e dos seus textos e publicacións —como Máis que ver (Xerais, 2018)—, pero tamén como activista na defensa «da profesionalización do sector do deseño e da creación de institucións nas que os novos deseñadores poidan formarse en Galicia, e que xa manifestaba nos anos oitenta. «Barro —proclama— é sen dúbida unha figura fundamental se falamos de deseño nos últimos catro decenios na nosa terra».

O propósito primeiro desta iniciativa é dar a coñecer o arquivo de Barro e poñelo a disposición do público, tamén como parte do arquivo Didac, un fondo do deseño en Galicia que alberga contidos dixitais pero que se asenta tamén na achega física das pezas da colección propia, e co que pode documentarse un século de creación en Galicia. O visitante, claro, poderá así facer un percorrido pola traxectoria de Barro, marcada por unha constante evolución e por unha dobre busca: a da súa identidade como deseñador e a dunha identidade gráfica para Galicia.

O deseñador gráfico eumés creou en 1984 xunto con Xesús Chichi Campos e Xosé Díaz a sociedade BC&D, alianza antesala do Grupo Revisión Deseño, fundado en 1985 por Pepe Barro, Xosé Díaz e Lía Santana, ao que se sumou despois Xosé Salgado. Convertido nun estudio de deseño gráfico paradigmático das décadas dos oitenta e noventa na comunidade autónoma, o colectivo revisou o imaxinario tradicional cunha linguaxe visual contemporánea. Coa saída de Xosé Díaz en 1994, o estudio reorganizouse baixo o nome de Barro Salgado Santana (Grupo Revisión Deseño). Tras unha longa andadura, esta etapa concluíu no 2013, cando Pepe Barro emprende a súa fase definitiva en solitario coa firma Barro Deseño. Neste período destaca tamén a súa faceta como investigador e cronista da historia do deseño galego. No 2023, a súa carreira celebrou as vodas de ouro coa exposición A cociña de Barro na Fundación Didac, narrada arredor dos seus cadernos de traballo.

«Seguir o rastro de como se desenvolve o pensamento visual e como xorde o poético», invita Barro

Nun intento de quitarlle poesía, Pepe Barro define O arquivo de Barro como o resultado de «xuntar os papeis, pezas e documentos conservados despois de máis de cincuenta anos dedicado ao deseño gráfico». É verdade que durante moito tempo non lle deu importancia máis que á obra rematada, pero agora, cada vez máis, valora «o que hai antes, durante e mesmo despois de rematado un traballo concreto». E ao final bota man á forza da poesía para explicar que a mostra trata de seguir o rastro de como se desenvolve o pensamento visual e como xorde o poético, o suplemento do sentido, di: «Ao cabo, en case todas as pezas de deseño realizadas por min, ou polos que foron socios e compañeiros, que de todo se atopa aquí, hai sempre a intención de ir alén do que é a mensaxe concreta, porque, como dicía o escritor Caballero Bonald, “a poesía debe ocupar máis espazo que o texto”». No caso do deseño gráfico, o poético, incide, debe sobordar a mensaxe —obrigadamente caducada, acepta, en pezas de hai corenta anos, ou tres—. «Velaí a ambición intelectual dos deseñadores, conscientes de que esta intención non sempre se logra, pero que é moi necesaria para garantir interese e, xa que logo, eficacia aos traballos desenvolvidos».

Detalle do cobertor de la elixido como imaxe da exposición que luce cosido o nome de «Barro», e que data do século XIX, o rexistro familiar da palabra «Barro» máis antigo que o deseñador conserva e que alude ao seu bisavó Nicolás Barro, comerciante de tecidos en Pontedeume.
Detalle do cobertor de la elixido como imaxe da exposición que luce cosido o nome de «Barro», e que data do século XIX, o rexistro familiar da palabra «Barro» máis antigo que o deseñador conserva e que alude ao seu bisavó Nicolás Barro, comerciante de tecidos en Pontedeume.

É así como cómpre ollar un cuponazo da ONCE de 1988, o manual de identidade corporativa do Consello da Cultura ou o de La Voz de Galicia SA, o libro da exposición do centenario da Real Academia, un caderno de deseño —dos máis de cen que están catalogados no arquivo—, un cartaz para o turismo de Camariñas, o símbolo de identidade da Universidade da Coruña, que todos os xéneros do deseño están presentes no seu traballo e neste arquivo. «Non se trata só do persoal, do traballo concreto dun deseñador —obxecta Barro—, senón que o deseño transmite ás claras a cultura dun país, porque o deseño ten unha compoñente social importante e é quizais este aspecto o que a min me decidiu a dedicarme a esta profesión».

Paralelamente á exposición, promóvense charlas e relatorios nos que Barro participa en diálogo con persoas que teñen moito que ver coa súa traxectoria, como Suso de Toro, Anxo Angueira, Xosé Luís Axeitos, Margarita Ledo, Marcos Dopico, David Barro, Xosé Díaz e Xosé Salgado, e unha conversa cos empresarios de tres proxectos relevantes: Nuria Varela-Portas, de Pazo de Vilane, Xosé Ramón Durán, de Terra de Asorei, e Ángel Viña, de Denodo.