Oescritor Camilo José Cela e o pintor Pablo Picasso tardaron en coñecerse persoalmente, mais, a partir de 1958, consolidaron unha grande amizade baseada no respecto mutuo e na admiración intelectual. O escritor admirábao como o que era: un pintor universalmente recoñecido e xa entón convertido nun mito vivo da arte contemporánea. «Atópote moi novo, Pablo», dixéralle entón Cela nunha das súas primeiras conversas. O gran pintor respondeulle con ironía e seguridade: «Desengánate, Camilo José: cando un é novo, é novo para toda a vida». Ao escritor figuróuselle que isto era unha verdade moi discutible, pero o seu afán centrábase sobre todo en contar coa colaboración do pintor na revista Papeles de Son Armadans, que el fundara dous anos antes en Mallorca e na que Cela quería dedicarlle un número especial de homenaxe.
Picasso soubo das intencións de Cela por boca de Joan Miró e deixou pasar o tempo «galaicamente». Ata que, á fin, pola mediación do fotógrafo David Douglas Duncan e da última muller de Picasso, Jacqueline Roque, o escritor puido reunirse co pintor. Compartiron unha comida na que simpatizaron e, ao cabo, consolidaron unha fonda amizade «entre dous galegos» (porque a Picasso gustáballe moito evocar os seus anos coruñeses, por máis que el nunca volvera á Coruña).
O gran xornalista galego Antonio D. Olano, nacido en Vilalba (Lugo), pero que exerceu sempre en Madrid, foi un asiduo visitante de Picasso en Francia e soubo da relación Cela-Picasso. Un tempo no que Camilo José Cela gozaba dunha gran sona literaria e mantiña un singular desafío cos grandes narradores do boom latinoamericano, é dicir, con Gabriel García Márquez e con Mario Vargas Llosa, entre outros. Porque, no plano persoal, el só amaba ao mexicano Juan Rulfo, home tan silencioso que resultaba amoroso, e ao uruguaio Juan Carlos Onetti, que tampouco se cría un deus. Porque, dentro da literatura, Cela non admitía superiores e considerábase tan premio nobel coma os que xa gozaban deste título. Mais é ben certo que pola «dimensión Picasso» sempre tivo unha profunda e incontestable admiración. Pero esta é outra historia.