Árbore de Nadal

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Como cada ano montamos de novo a árbore de Nadal. Unha costume que lembro dende sempre. Un ritual familiar que marca o inicio das festas. Porén, o noso «sempre» non é máis ca un instantiño no tempo infindo, tan reducido como a nosa propia vida. Cómpre informarse para non caer no simplismo de crer que «estas cousas fanse perpetuamente» a nivel histórico, cando o noso recordo apenas é unha moi pequena xanela. Na nosa casa, a árbore loce espléndida, tal e como antes lucira na dos meus pais e, ata onde lembro, tamén un pouco na dos meus avós. A historia desta costume vai moito máis alá das nosas vidas. A tradición de adornar árbores ten raíces en culturas precristiás europeas que celebraban o solsticio de inverno, vendo neles un símbolo da vida e da fertilidade que perduraba na estación escura e fría. A árbore de Nadal moderna, tal e como a coñecemos hoxe, consolidouse na Alemaña renacentista (séculos XVI e XVII) e popularizouse no mundo occidental a través da monarquía británica no século XIX. Cando a Raíña Vitoria e o Príncipe Alberto (alemán) fixeron pública unha imaxe da súa familia arredor dunha árbore adornada. Esa moda espallouse polo mundo anglosaxón e, máis tarde, a nivel global. Por fortuna, a propia árbore na nosa casa evolucionou positivamente. Aínda me vén á memoria o feito de ir co meu pai ao monte para cortar un pequeno piñeiro que despois, e por fortuna, pasamos a transplantalo, coa intención de ser máis respectuosos. Finalmente, para facer as cousas como é debido, a solución foi mercar un marabilloso piñeiro sintético. Este exemplar de árbore, que cada ano por estas datas enchemos de adornos e luminarias variadas, é case un membro máis da familia. Levamos con el na casa dende hai máis de 30 anos.

Esa árbore non só é máis práctica, senón que tamén é un xesto de responsabilidade ambiental, un recordatorio de que as tradicións adoptadas tamén poden adaptarse para ser máis consideradas co noso planeta. Ao final, a árbore de Nadal é máis ca un obxecto decorativo: é a síntese do pasado pagán e cristián, a testemuña de xeracións de recordos, e a proba de que o «sempre» tamén evoluciona.