O gasto cultural das familias galegas acada máximos históricos: 135 euros por fogar
CULTURA
Segundo o documento, as entradas a espectáculos e subscricións a plataformas son os que máis medran
02 dic 2025 . Actualizado a las 11:41 h.O Observatorio da Cultura Galega acaba de publicar a súa Novena Conxuntura Estatística do Ámbito Cultural, un informe que confirma que o consumo cultural dos fogares é hoxe o motor máis forte do sector: o gasto medio en produtos e servizos culturais mantense en máximos, con 135 euros por fogar, consolidando unha tendencia de crecemento sostido.
Segundo o documento, os servizos audiovisuais —entradas a espectáculos e subscricións a plataformas— son os que máis medran, mentres que o consumo de libros evoluciona con oscilacións e a compra de prensa frea o seu descenso. Ademais, os fogares amosan unha elevada confianza: en 2024, máis do 70% considera que poderá permitirse actividades de ocio fóra da casa nos próximos meses.
Por outra banda, o sector cultural galego mantén un comportamento estable no emprego, con 34.200 persoas ocupadas, aínda que cunha lixeira tendencia á baixa e por debaixo da media estatal. O perfil continúa fortemente marcado pola estacionalidade e polos profesionais autónomos, que en setembro de 2025 sumaron 21.684 afiliacións, un 2% máis ca no ano anterior.
A Coruña e Pontevedra concentran a maior parte das afiliacións (54% e 30%), e as actividades de arquitectura e fotografía seguen nunha dinámica positiva. Pola contra, artes gráficas, librarías e radiodifusión continúan en cifras negativas.
O informe tamén destaca un importante dinamismo empresarial: o número de empresas culturais creadas en Galicia aumentou un 14,7%, fronte ao 3,7% do conxunto do tecido empresarial galego.
Prezos culturais e comercio exterior
O Índice de Prezos ao Consumo reflicte que mentres os produtos tecnolóxicos abaratan, os servizos culturais e editoriais manteñen ou lixeiramente elevan os seus prezos.
Entre 2020 e 2024, as importacións de bens e servizos culturais creceron de 10,1 a 22,8 millóns de euros, principalmente en artes escénicas e actividades audiovisuais. As exportacións tamén aumentan, de 8,5 a 12,6 millóns, cun peso extraordinario do sector editorial, que supón case o 90% do total.
Os orzamentos públicos experimentan subas en todos os niveis. A Xunta incrementa en 2025 un 4,6% os fondos destinados a cultura e normalización. No eido local, o gasto cultural acada 257,5 millóns de euros, un 5,3% máis, mantendo o sector arredor do 7% do investimento municipal. Os concellos lideran este esforzo, cun crecemento acumulado do 30,9% no período 2021-2025.