Voces de Bergantiños en Uruguai no espazo de radio en galego máis antigo do mundo
CULTURA
Toni García de Seárez e Ana Lorenzo conducen «Sempre en Galicia»
26 nov 2025 . Actualizado a las 23:46 h.É habitual definir o programa de radio Sempre en Galicia como o espazo en lingua galega que máis tempo leva en emisión do mundo. E iso é certo: hai apenas dous meses celebrou o seu 75 aniversario. Pero se cadra haberá que empezar a mudar ese concepto e ampliar o perímetro: é moi probable que sexa un dos programas de radio máis antigos do mundo, con independencia da lingua.
Ten máis mérito aínda o do galego sabendo que se emite dende Montevideo, a través de Radio Oriental. É así dende hai vinte anos, e chega a todo Uruguai, ao sur de Brasil e ao chamado Gran Buenos Aires da veciña Arxentina. Son moitas as xeracións de galegos que os domingos pola mañá, ás nove, se poñen ao día das noticias de Galicia, con música, editoriais, entrevistas e cousas relacionadas coa terra de orixe. E fano a través das voces de dous bergantiñáns: o presentador, Toni García de Seárez, que é natural de Sofán (Carballo) e leva xa máis de 45 anos á fronte do programa (empezou en decembro de 1978), e Ana Lorenzo, unha destacada médica gastroenteróloga criada en Montevideo, pero filla de pai carballés e nai malpicá, que con 40 anos aprendeu a falar galego e empezou a involucrarse na cultura da terra dos devanceiros. Tanto que foi varias veces presidenta do Padroado da Cultura Galega en Montevideo, unha institución creada en 1964 que auspicia o programa, aínda que este ten total liberdade de funcionamento. Comparten micrófonos con Francis Queijo, que ten orixe pontevedresa.
Así que as voces e as xentes de Bergantiños teñen un peso moi forte neste programa, pero tamén as de toda Galicia, empezando polas primeiras: o 3 de setembro de 1950, oito meses despois da morte de Castelao (o nome do espazo está tomado do seu ensaio Sempre en Galiza), poñíase en marcha a emisión da man de Lois Tobío, Antonio Crestar, Manuel Meilán, Pedro Couceiro e Xesús Canabal. Ao longo dos anos contou con destacados editorialistas, como Ramón Piñeiro, Agustín Sixto Seco, Manuel Espiña, Domingo García-Sabell, Alonso Ríos, Xosé Neira Vilas ou Emilio González López.
Todos eles, e moitos máis, foron lembrados na gran gala que se celebrou o pasado setembro no auditorio Vaz Ferreira de Montevideo para conmemorar eses tres cuartos de século, un acto que contou coa presenza de numerosas autoridades locais, da Xunta e da Embaixada de España en Uruguai. Xa en Galicia, serán novamente recoñecidos o vindeiro mes de febreiro, cando reciban o Premio da Cultura Galega, que se acaba de dar a coñecer. Outro dos galardoados será a editorial Galaxia, que curiosamente tamén cumpre 75 anos.
Para aquela gala de setembro, o xa exalcalde de Carballo, Evencio Ferrero, mandou unha mensaxe de parabéns aos presentadores de Sempre en Galicia polo seu «exemplo e compromiso». Este pasado domingo, o seu sucesor no cargo, Daniel Pérez, foi entrevistado en directo, pois as persoas e actividades de Bergantiños, sobre todo as culturais, teñen moito peso neste espazo. Hai, ademais, un documental moi recente sobre o programa, dirixido por Xan Leira, que poderá verse en Carballo mañá 27 de novembro.
O Premio da Cultura Galega é relevante, pero tamén un máis dentro dunha dilatada lista de recoñecementos acumulados ao longo de máis de corenta anos. O último, de feito, é outro, de hai apenas uns días, cando se celebrou o 56.º aniversario do Centro Social y Cultural Bergantiños de Montevideo.
En cada intervención, a memoria da emigración e o compromiso por Galicia son elementos que a miúdo aparecen destacados, tal como fixo García de Seárez no editorial que abriu o programa de setembro, sempre a continuación da voz enlatada de Meilán, que di: «Bos días, galegos. Eiquí Sempre en Galicia, audición radial ao servicio da arte e da cultura galega, que se transmite os domingos ás nove da mañá dende o 3 de setembro de 1950».