Pistacatro, Premio Nacional de Circo: «Para nós, o máis importante non é a técnica, senón o que se conta»
CULTURA
A compañía santiaguesa Pistacatro acada o galardón polo «rigor e carisma» das creacións e o seu labor prescritor
10 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Como a tantos outros gañadores de premios nacionais nas súas diferentes disciplinas, Belem Brandido pensou que se trataba dunha broma cando recibiu a chamada do ministro de Cultura. «Dicíame que era Ernest e que quería que o soubese pola súa boca antes de que se publicase oficialmente, e eu non podía crelo», recoñece a artista que, xunto a Aitor Garuz, Pablo Reboleiro e José Expósito, fundou Pistacatro no 2006. Aquela célula creativa abrazada ao novo circo europeo, xurdida en Santiago, acadaba o maior recoñecemento do ámbito nacional. «Non o podía crer. Guau!», exclama. Só pasara unha hora desde que recibira a nova.
Máis acougada, reflexiona sobre o galardón e o seu significado: «Recibir premios sempre lle vén ben a calquera artista ou compañía. No noso caso, trátase de poder visibilizar e dignificar o novo circo, o circo contemporáneo. Pero tamén de poder vivir disto, porque, nesta arte tan difícil e de resistencia, o premio é poder sobrevivir», comenta. Un dos seus socios, José Expósito, pronúnciase na mesma liña: «Levamos 20 anos con isto, sostendo un proxecto que tivo momentos duros, e isto é un recoñecemento a un traballo».
Pistacatro ten as súas orixes nos centros sociais okupados dos noventa en Santiago. «Moita xente vén de alí. Logo estivo tamén o Festiclown, e, máis tarde, a sala Nasa, onde o grupo Chévere nos axudou moito», lembra Expósito. Cando puxeron en marcha este proxecto, querían hibridar diferentes disciplinas. «Nós facemos un circo sen animais, con propostas dramáticas que o enriquecen», engade el. «Por exemplo, nos malabares buscamos unha dramaturxia máis ligada á música, que os malabares sexan unha música visual. Outras veces achegámonos máis ao teatro, pero sempre buscando outros campos».
«Para nós, o máis importante non é a técnica —que a coidamos tamén—, senón o que se conta. Penso que ese é o noso selo de identidade», aclara Brandido. «Na nosa compañía ten moita importancia o humor. Moitos son pallasos, e reivindicamos ese papel. Este non é un circo de carpa, aínda que o podemos facer en carpa. Este circo pode ir á rúa e aos teatros. É un circo para nenos, pero tamén para adultos. Dicimos sempre que poden vir todos os públicos, de 2 a 99 anos».
Esa ligazón cos teatros ponse de manifesto no proxecto A serie clopen. Trátase da primeira produción propia do Centro Dramático Galego co circo como eixo central e como punto de referencia. Pistacatro está involucrada nela. Pódese ver no Salón Teatro de Santiago e permanecerá en cartel ata o 26 de outubro. O lóxico é que agora, co pulo do premio, esta compañía, que estivo actuando en lugares como Inglaterra, Australia, Tunisia ou Venezuela, entre outros, adquire unha nova proxección. «Oxalá que sirva para que se nos poida ver con outros ollos. Este é un premio para unha traxectoria, pero tamén para un sector», conclúe.