Oescritor portugués José Saramago e o galego Gonzalo Torrente Ballester mantiveron unha relación de profunda amizade literaria, cunha mutua admiración que os uniu toda a vida. Saramago foi galardoado co Premio Nobel de Literatura en 1998, cando a Academia Sueca destacou a súa capacidade para «volver comprensible unha realidade fuxidía, con parábolas sostidas pola imaxinación, a compaixón e a ironía». Gonzalo Torrente Ballester, considerado o mellor novelista galego de todos os tempos —por riba de Ramón María del Valle-Inclán, Camilo José Cela e Álvaro Cunqueiro—, non acadou un recoñecemento público comparable, por máis que os críticos literarios máis recoñecidos nunca deixaron de valoralo.
Pola súa banda, Saramago foi contundente no recoñecemento do escritor galego e así o manifestou ó afirmar que «o lugar á dereita de Miguel de Cervantes, autor do Quijote, vacante durante séculos, foi ocupado por Gonzalo Torrente Ballester, autor de La saga/fuga de JB. Terán que pasar moitos e moitos anos antes de que se volva a escribir un libro coma este». E o propio Torrente era consciente de que el mesmo era o escritor galego que máis páxinas lle dedicara a Galicia.
Analistas literarios moi solventes e recoñecidos fixeron unhas valoracións incuestionables sobre a súa obra literaria de Torrente Ballester. Tal foi o caso dos prestixiosos críticos Ángel Basanta, José Antonio Ponte Far, Carmen Becerra e Darío Villanueva, entre outros.
O gran escritor portugués Saramago morreu en Tías (Lanzarote) o 18 de xuño de 2010, ós 87 anos de idade. Alí o visitara varias veces o gran novelista galego.
Torrente Ballester tivo, ó cabo, moitos recoñecementos literarios, entre os que figuran o Premio Cervantes, o Premio Príncipe de Asturias das Letras e o Premio Nacional de Narrativa. Pero a gran inxustiza seguiu a ser que non recibiu o Nobel que tanto mereceu. Quizais por isto aínda segue a ser un xenio literario parcialmente descoñecido.