Xuño / San Xoán

La Voz

CULTURA

10 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

ois, como quen non quere a cousa, xa estamos no mes de xuño. Pasou a metade do ano e chegamos ás portas do verán. Eu particularmente gusto deste mes pola

cantidade de luz que hai. Os días comezan a abrir ben cedo e tardan moito en pechar, o cal é un bo xeito de aproveitalos ao máximo. Hai quen gusta deste tempo pola calor, mais, entendendo e respectando iso, eu non estou exactamente nesas coordenadas. Son dos que vivo nesa franxa costeira do norte de Galicia na que cando vén un día dos que consideramos de calor abafante con máis de 25 graos, os tres seguintes probablemente veñan con néboa ou inestabilidade, ou con ese vento que nunca falta, normalmente do nordés. Xuño é o mes do solsticio de verán, que representa a fertilidade, a colleita e a abundancia, co sol como elemento e símbolo principal.

Aquí está determinado o día máis longo do ano, polo que tamén se corresponde coa noite máis curta, xustamente ao contrario ca no hemisferio sur, onde comeza o inverno e nesta mesma data a noite é a máis longa e o día o máis curto. Este evento astronómico, que neste 2025 terá lugar o 21 de xuño, marca oficialmente a entrada do verán. E aquí é onde a través das tradicións ancestrais se manifesta a confluencia dos elementos da natureza: terra, auga, ar e lume en todo o seu esplendor. Quizais de todos eles o máis significado e simbólico deste tempo sexa o do lume, que se fai visíbel a través das múltiples lumaradas, cacharelas, cachelas, etc., para celebrar o San Xoán ou o lume novo. Tamén as augas curativas desa noite son importantes na tradición, e moito máis cando van acompañadas do rito das sete herbas que hai que apañar e deitar na auga á noite para lavar a cara na mañanciña do santo. A tradición di que nesa noite pódense abrir portas de contacto con seres doutras dimensións, como as fadas, as meigas e outros entes da nosa mitoloxía, polo que é indicado estar ben preparados. Mais o que sempre me fascinou e nunca fun quen de ver foi o baile do sol no amencer do 24, unha suposta danza solar coa que se xerou una controversia secular da que uns se mofan e outros tantos din ter sido testemuñas. Un ano máis madrugarei, a ver se consigo velo.