Realidade virtual e intelixencia artificial recrean a Castelao para sentilo ao carón

CULTURA

O museo Gaiás abre o 26 unha proposta inmersiva que inclúe a voz do intelectual rianxeiro reconstruída en galego con intelixencia artificial
04 jun 2025 . Actualizado a las 04:55 h.
«Recrear a Castelao, sentir que está aí ao carón». Ese é o obxectivo do proxecto inmersivo Castelao. Mirar por Galicia que abrirá as súas portas o vindeiro 26 de xuño no museo Gaiás, en Compostela. Esta proposta ofrecerá a posibilidade de escoitar por primeira vez ao intelectual rianxeiro falando en galego despois de recrear a súa voz usando a intelixencia artificial tras empregar como referente o único rexistro que se coñece da súa fala, que conserva o Consello da Cultura Galega. Non será esta a única nova tecnoloxía que se aplicará, senón que para o proxecto de arte dixital tamén botan man de hologramas, videocreacións e realidade virtual para ofrecer unha imaxe hiperrealista do autor de Sempre en Galiza e mergullar ao visitante nun percorrido pola súa traxectoria persoal, literaria, artística e política.
O proxecto, que se enmarca dentro da programación da Xunta con motivo do 75.º cabodano da morte dun dos grandes referentes do país, conta coa colaboración da Fundación Castelao e foi desenvolvido pola empresa galega Maxina. O director artístico da proposta, Carlos Seijo, apuntou que o propósito que se marcaron foi «sentir que Castelao está ao noso carón, ir ao seu latexar artístico e espiritual». Iso si, deixa claro que durante a experiencia inmersiva non pretende suplantar ao rianxeiro, «non queremos dicir que ese é o Castelao auténtico; nós facemos unha recreación que persegue ser moi realista para que faga sentir que o tes aí». Un obxectivo que se ve plasmado xa desde o inicio cun photocall no que estará xa presente a súa figura reaccionando ante os visitantes. Despois, haberá un primeiro espazo da mostra con obras reais, que tamén empregaron «para ter o máximo rigor científico, algo que foi importantísimo» no desenvolvemento deste proxecto inmersivo.
Túnel escuro
Posteriormente, o visitante introducirase nun túnel escuro no que en distintas xanelas se achegarán a traxectoria do intelectual. As primeiras fiestras mirarán cara a orixe, con referencias ao seu Rianxo natal, para o que tomaron imaxes dunha gravación da época que se conserva na Filmoteca de Galicia, e tamén a súa estancia na Pampa. Nese túnel tamén haberá a posibilidade de recuperar o momento da fotografía da voda de Castelao, momentos máis aciagos como a morte do seu fillo, e outros como a recuperación de folgos xa como mestre, a campaña en favor do Estatuto, con esa avioneta que portaba o cartel Vota o Estatuto, así como a súa estancia en Barcelona durante o bombardeo no 36 ou a viaxe a Nova York en barco. «Non alteramos nada, senón que tratamos de recuperar cun uso ético», detallou Seijo.
Un dos espazos de referencia da mostra será un gran cubo onde usan «a mellor tecnoloxía para lograr unha inmersión total na súa obra». Aí destacará a animación das obras gráficas de Castealo, ademais de escoitar a súa voz. Para a súa recreación, tomaron como punto de partida unha fonopostal que o intelectual enviara a Montevideo en castelán en 1941. Utilizando tamén tres locutores, ao final, coa intelixencia artificial recrearon o que sería a fala tendo en conta timbre, entoación e textura do autor de Os vellos non deben de namorarse. «É a primeira vez que escoitaremos a Castelao en galego», avanzou o director artístico.
Este proxecto, que se inaugura o día 26 e poderá visitarse ata o 11 de xaneiro, segundo sinalou o conselleiro de Cultura, José López, «é unha homenaxe do século XXI a Castelao». Remarcou que permitirá que as novas xeracións se acheguen á súa figura. «Queriamos un proxecto para todos os públicos», afirmou, convencido de que será unha experiencia única. Pola súa banda, Miguel Anxo Seixas, historiador e presidente da Fundación Castelao e que prestou o seu asesoramento para a concepción, agradeceu «esta valente aposta, por facer unha exposición diferente e usar unhas novas linguaxes nas que o galego ten que estar». Na presentación tamén participaron o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e a presidenta co Consello da Cultura, Rosario Álvarez, institucións que colaboran coa iniciativa.