calendario celta é unha división de tempos escuros e luminosos relacionados coas actividades agrícolas e de culto. Trátase dun ciclo solar completo no que os plenilunios indicaban cada unha das festividades importantes. Así pois, seguindo o ciclo lunar, seis meses estaban no período de luz, abarcando dende maio a outubro, e outros seis no de escuridade, dende novembro até abril. Nesta división do ano, os celtas tiñan catro períodos que eran considerados as festas máis importantes.
Eses intervalos temporais son, por un lado, o Samaín, que vai da noite do 31 de outubro ata o solpor do día 1 de novembro, e é considerada a festividade máis importante deste calendario. Nesta data dá comezo o período escuro anual, cando se estima que desaparece a barreira que separa os vivos dos mortos, o visíbel do invisíbel. O Samaín é ben coñecido en Galicia a través de moitas celebracións de carácter folclórico que se realizan nesas datas. Logo vén o Imbolc, que comeza o 31 de xaneiro. É unha festa relacionada co lume, a Candeloria, o San Brais ou Santa Bríxida. Imbolc en gaélico significa «na barriga», unha referencia á fertilidade, á xestación previa antes do florecemento.
A seguinte das festividades deste calendario é a de Beltaine, que comeza o 1 de maio; con ela celébrase a chegada da metade luminosa do ano. É unha festa dedicada ao deus Belenos, que significa «deus resplandecente», unha deidade solar das máis importantes do panteón dos deuses célticos. O Beltaine, que en irlandés significa «maio» ou «bo lume», é o período de exaltación da sacralización deste elemento da natureza, coincidente con moitas celebracións do noso folclore, como as dos maios ou a das fogueiras do solsticio de verán (San Xoán).
E remata o ano céltico co Lugnasad, que é a festa dos froitos, da recollida das primeiras colleitas, que estaba dedicada a outra das deidades máis senlleiras da relixión celta, o deus Lugh. Así, esas son as catro festividades máis significativas do calendario celta, coas que podemos atopar moitas analoxías con celebracións propias de tradición aínda vixentes e vivas en Galicia, porque, en definitiva, pertencemos ao mesmo mundo.