Non hai noticia de que Orson Welles e Ramón María del Valle-Inclán se coñecesen persoalmente, pero si que a hai de que o gran director de cine estadounidense se interesou pola obra teatral do xenial dramaturgo galego e de que se propuxera en 1971 adaptar cinematograficamente Divinas palabras, nunha coprodución franco-italiana, cun elenco integrado por actores como Terence Stamp, Rita Hayworth e Ornella Muti. Pero deste proxecto nunca máis se soubo, porque, como sucedeu con outros grandes propósitos do irrepetible realizador domiciliado en España, foron máis as obras que se lle resistiron que as que logrou terminar.
A primeira visita de Welles a Galicia foi a Pontevedra acompañando ó gran toureiro —e gran amigo del— Luis Miguel Dominguín, que tomara a alternativa na praza de touros de A Coruña en 1944. A última visita do gran director de cine norteamericano foi a Santiago de Compostela a comezos da década de 1970, cando buscaba espazos para a rodaxe dunha película titulada Blind window [Ventá cegada] que ía ser producida por Andrés Vicente Gómez, pero que nunca se filmou. Welles acabou falando entón da posibilidade de adaptar Divinas palabras e aproveitou o tempo para pasear pola capital de Galicia e admirar os seus encantos arquitectónicos. Pero o proxecto fílmico nunca foi adiante.
Hai unha información imprecisa doutras visitas a Galicia en busca de escenarios para algúns dos seus soños de celuloide. Uns percorridos por espazos físicos de Ourense e de Pontevedra, que non prosperaron en ningún dos seus propósitos.
A súa vontade de levar ó cine a obra teatral de Valle-Inclán Divinas palabras acreditou o seu interese pola produción do gran dramaturgo galego, que tanto eco acadara con obras como Luces de bohemia e Los cuernos de don Friolera. Un teatro que segue moi en vigor, como acaba de comprobarse nos Teatros del Canal de Madrid, con Valle-Inclán trunfando por todo o alto. Orson Welles, para quen España «era un imán», foi un buscador de espazos físicos «para vivir e para filmar», como así o acreditou durante toda a súa estancia no país.