O teatro de Valle-Inclán

CULTURA

Detalle da montaxe da obra de Valle-Inclán «Luces de bohemia» producida polo Teatro Español.
Detalle da montaxe da obra de Valle-Inclán «Luces de bohemia» producida polo Teatro Español.

10 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Oteatro de don Ramón María del Valle-Inclán está de volta, con masiva asistencia por parte do público. Abonda con seguilo desde hai arredor dun ano para decatarse do seu poderoso regreso. De feito, chega con relembrar a posta en escena que da peza Luces de bohemia puido verse no Teatro Español de Madrid entre os días 17 de outubro e o 19 de decembro do ano pasado para decatarse do éxito de masas que acadou a montaxe e que nos condenou a moitos a non poder asistir ao espectáculo polo esgotamento das entradas. Unha mágoa porque todos os críticos falaban dunha gran representación.

Posteriormente, o público tivo todo isto moi en conta cando se anunciou nos madrileños Teatros del Canal a posta en escena de Los cuernos de don Friolera, nunha montaxe moi lograda que mereceu unha longa sesión de aplausos por parte duns espectadores postos en pé. Un clamor de recoñecemento público.

Moitos saímos dos Teatros del Canal xa coas entradas sacadas para a seguinte proposta escénica, que foi a de Divinas palabras, fixada para os primeiros días deste mes. Algo que parece acreditar o regreso consolidado dun dramaturgo que competiu con Bertolt Brecht e cos outros senlleiros xenios da súa época. Quizais porque, como nos deixou dito o gran Castelao, Valle-Inclán «é o maior artista que pariu Galicia». E ségueo sendo, como acredita un público que non para de ovacionalo.

Isto serve para recoñecer o talento dramático dun creador cunha enorme capacidade dramatúrxica, que ás veces medrou incluso por riba da súa enorme capacidade literaria, acugulando despois de morto moitos recoñecementos e éxitos nos escenarios. Un Ramón María del Valle-Inclán que nunca deixou de medrar como dramaturgo, como se puido constatar nas táboas dos Teatros del Canal, onde creacións súas acaban de conseguir grandes éxitos de recepción. Porque Valle-Inclán morreu a comezos de xaneiro de 1936 en Santiago de Compostela, pero os seus textos teatrais seguen a estar cada vez máis vivos, como acreditan as novas adaptacións e representacións.