
Non hai moito vin nas redes sociais un meme, que xa vira hai anos, onde se representa un suposto cerebro galego dividido en partes proporcionais nas que, segundo os autores, ocupamos as nosas vidas. A idea está chea de topicazos rexoubeiros, pero é ben gracioso, non vai de todo descamiñado e con el botei unhas risas. Logo, vin que non só hai un, senón que existen máis nos que o humor, os estereotipos e a realidade fan un conxunto bastante coincidente. Nun deses cerebros debuxados, as partes máis grandes estaban dedicadas a como amolar ao veciño, á retranca e á choiva. Noutro, os espazos máis amplos eran ocupados pola morte, as leiras ou as festas. Se nos poñemos a debullar isto antropoloxicamente, podería encaixar en como somos sen moito problema. O de amolar ao veciño foi mudando co paso dos anos, pero sempre escoitamos iso de que somos un conxunto de tribos mal avidas e non fai falla mirar moi lonxe para comprobalo. O da retranca é unha característica vital, defensiva, que nalgúns individuos chega a desenvolverse dun xeito virtuoso e até artístico. E da choiva que dicir: se somos quen e como somos, é grazas á súa abundancia, que por momentos raia coa fartura. Por outra banda, a parte importante que ocupa a morte ten unha clara expresión nos monumentos e rituais dedicados a ela espallados polo país e o feito de que os camposantos estean integrados con naturalidade nos núcleos de poboamento. O das leiras é evidente, pois o apego á terra é algo que só poden igualar moi poucas culturas con todo o significado arredor da estrutura social minifundista e do sentido de posesión ancestral.
Que dicir das festas? Non creo que haxa moitos lugares no mundo nos que as festas, en todas as súas variantes, teñan a importancia que nós lles damos. E si, son tópicos e estereotipos trillados, pero cantas veces funcionamos así para facer máis doado e comprensíbel o que nos rodea? O resto da composición deses imaxinarios cerebros estaba dividido en máis pequenos espazos que ocupaban o polbo e o churrasco, o viño, a cervexa e o licor café, os impostos e incluso ver o Luar. Os memes son o que son, pero dende o humor, neste caso, nin tan descamiñados van. Eu incluso engadiría algún detalle máis; igual que o fariades vós tamén.