Foi a comezos dos 90 cando vin a película The Cominments. Baseada nunha novela do escritor e dramaturgo irlandés Roddy Doyle, o prestixioso director de cinema británico, Alan Parker, realizou esta longametraxe ambientada en Dublín. O seu argumento xira arredor dunha banda de soul homónima á película. Sen entrar na trama, hai un momento da historia no que un dos personaxes espeta que “Os irlandeses somos os negros de Europa…”, aquilo chamou a miña atención e deume que pensar. No contexto parece claro que se refería á música, neste caso ao soul que é un estilo fundamentalmente feito por negros.
O asunto é que a maiores chegoume algunha información sobre os black irish (irlandeses negros). Un termo usado inicialmente en América para definir despectivamente aos emigrantes irlandeses que fuxían da gran fame que asolaba a illa. Existe tamén a teoría, vencellada ao mito, de que os irlandeses de faciana escura son descendentes dos náufragos superviventes da Armada Invencible, mais non deixa de ser un mito sen aval científico ou histórico demostrábel. Sucede que hai uns anos, varios investigadores das universidades de Santiago e Oxford, elaboraron o primeiro mapa xenético da península e concluíron que é en Galicia onde máis pegada xenética africana hai de toda a Península Ibérica. Diferentes eventos históricos e sucesivas ondas migratorias son as que darían explicación. En calquera caso, parafraseando á película The Comminments, con esta dedución os galegos seríamos os negros da península. E se queremos ensarillar máis a historia poderíamos lembrar a historia dos Milesians, orixinarios na Escitia e mais en Exipto, que segundo está escrito no libro das invasión de Irlanda chegaron a Galicia onde fundaron a cidade de Brigantia. Di o texto que dende ela marcharon para conquistar Irlanda. Segundo este libro escrito por monxes irlandeses no século XI foron o último do pobos invasores en chegar á illa, polo tanto os irlandeses actuais. Quen sabe se non son eles os responsabeis de que haxa black irish ou de que os irlandeses, como se dicía na película The Cominments sexan «os negros de Europa grazas aos galegos». Morra o conto!