O sociolingüista Henrique Monteagudo convértese este venres no 14.º presidente da Real Academia Galega
CULTURA
A candidatura do catedrático da USC, única que concorre ao plenario, foi presentada por Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes, Margarita Ledo, Rosario Álvarez e Antón Santamarina
04 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Manuel Murguía (1905-1923), Andrés Martínez Salazar, Francisco Ponte y Blanco, Eladio Rodríguez, Manuel Lugrís Freire, Manuel Casás Fernández, Sebastián Martínez-Risco, Domingo García-Sabell, Francisco Fernández del Riego, Xosé Ramón Barreiro, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero e Víctor Freixanes. Nesta rexa estirpe entra este venres o catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago Henrique Monteagudo (Muros, 1959), que se converterá así no 14.º presidente da Real Academia Galega (RAG). Será na tarde, a partir das 17.30 horas, cando se reúne en sesión extraordinaria o plenario da institución que foi convocado pola presidenta en funcións, Margarita Ledo, no salón real do pazo municipal coruñés de María Pita (a sede da rúa Tabernas segue en obras).
Este encontro abordará a candidatura de Monteagudo, a única que concorre —o prazo para elevalas rematou o mércores— e que presentaron os académicos Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes, a propia Ledo, Rosario Álvarez e Antón Santamarina. O aspirante exporá o seu proxecto, como, por que e para que quere acceder á responsabilidade máxima de goberno desta venerable casa —creada en 1905—, que vela pola norma da lingua e promove o seu estudo científico e a súa difusión. E tamén debe presentar o seu equipo, as persoas que sucederán aos membros da executiva cesada con Freixanes nos postos de secretaria (Margarita Ledo), tesoureira (Fina Casalderrey), arquiveira-bibliotecaria (Marilar Aleixandre) e vicesecretario (o propio Monteagudo). Pouco se sabe desa formación alén de que respectará a proporción de tres mulleres e dous homes que compoñía a dirección saínte, a primeira na que as mulleres foron maioría.
Tras esta explicación, darase paso á primeira votación, na que computa tamén o voto por correo e na que o vencedor ten que obter a maioría dos apoios sobre o censo, actualmente composto por 28 académicos. Se non acadase os votos —que todo indica que están garantidos—, irase a unha segunda quenda, na que alcanza coa maioría dos presentes. No moi sorprendente e ata impensable caso de que a suma non dese, o regulamento prevé que sexa designado o aspirante máis antigo. E, ben, só hai un.
Aos seus 65 anos, Henrique Monteagudo é home de probado consenso, afeito ao diálogo. Profesor na Facultade de Filoloxía da USC, quédanlle cinco anos para a xubilación, pero a súa carreira académica está culminada, co tope de cinco sexenios de investigación xa logrado. Chegoulle, por tanto, o momento en que «a RAG podería absorberlle un tempo noutra hora precioso para desenvolver o seu espazo profesional», apuntan fontes coñecedoras do proceso de elección e das interioridades da institución. Quen o trata —engaden— sabe que lle sería incluso sinxelo compatibilizar as clases de Sociolingüística Galega coas obrigas da rúa Tabernas (e con outras como a dirección da Cátedra Castelao).
Estas fontes prevén un proxecto de filosofía continuísta. Non hai que esquecer, din, que Monteagudo ocupou cargos de responsabilidade nas presidencias de Alonso Montero (secretario) e Freixanes (vicesecretario), que, ademais, avalan a candidatura. Pero tamén falan de renovación, e non só xeracional. Estas fontes anotan que semella que as catro persoas que incluirá o seu equipo —que aínda non se fixo público— non estiveron nunca antes en postos executivos da RAG e que para conformalo botará man de «xente de incorporación ao plenario relativamente recente».
A obra na sede de Tabernas e a perda de galegofalantes
Este equipo comandado por Henrique Monteagudo será o encargado, despois do verán, da recepción das obras de remodelación do inmoble que acolle desde 1978 a sede da Academia no número 11 da rúa Tabernas, para entón xa rematadas. Isto supón que, pouco antes de fin de ano, debería reabrirse o edificio —que fora cedido pola familia de Emilia Pardo Bazán á RAG—, se non se demoran máis os labores de traslado e reorganización dos fondos da institución, almacenados nunha nave de Pocomaco desde outubro do 2022.
Uns traballos que, é de supoñer, non quitan o sono ao sociolingüista Monteagudo, que sempre que ten ocasión deixa ver que a súa preocupación prioritaria é a perda de galegofalantes.