A MIT de Ribadavia celebrarase do 18 ao 26 de xullo e apostará pola diversidade e a pluralidade
CULTURA

O festival ofrece este ano a primeira edición dende que Roberto Pascual deixou a dirección, que agora ostenta Sabela Mendoza
04 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) celebrará este ano a primeira edición dende que Roberto Pascual deixou a dirección. Sabela Mendoza foi a persoa escollida para o cargo e dende o Concello deron este xoves a coñecer as datas do festival e os criterios que seguirá esta nova etapa. Na mesma contarase cunha directora adxunta, responsabilidade que exercerá Gena Baamonde. A MIT, que levará por lema Escenas en tránsito, desenvolverase do 18 ao 26 de xullo. E a nova dirección, segundo sinalan fontes municipais, «dará continuidade e ampliará os valores e as liñas de acción habituais do festival, combinando experiencia, tradición e vangarda». A programación incluirá nomes internacionais de referencia, hibridación de linguaxes, talento galego emerxente e consolidado, coproducións, residencias, premios e actividades paralelas.
«Formulamos esta proposta co desexo de seguir facendo da MIT un festival internacional de referencia para as artes escénicas contemporáneas, unha cita cultural de orgullo colectivo —para a cidadanía de Ribadavia e para a sociedade galega— e un contexto artístico de primeiro nivel que celebra a pluralidade e a diversidade», sinalaron Mendoza e Baamonde.
Convocado o premio Abrente
Dende a MIT tamén se anunciou a convocatoria do premio Abrente de textos teatrais, que está dotado con 4.000 euros e a publicación da obra.