O centro Forges, o paseo Juan Pablo II e a fortaleza do Castro, entre os 47 finalistas dos premios COAG
CULTURA

A reforma do concello de Pontevedra, o centro social de Vilarrodís, o bordo da praia de Porto do Son e o plan da senda termal de Ribadavia, tamén candidatos
11 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Centro Cultural Forges da Fonsagrada, o paseo —e fito conmemorativo— arredor da figura de Juan Pablo II en Compostela, a musealización das galerías e a posta en valor da fortaleza de O Castro de Vigo, a reforma do concello de Pontevedra, o centro social de Vilarrodís en Arteixo, a restauración do pavillón historicista e o muro perimetral de San Martín Pinario en Santiago, o albergue para peregrinos en Baiona, o bordo da praia de Porto do Son, o plan director do sendeiro termal entre a vila termal de Prexigueiro e Ribadavia, a mellora do Carreiro do Rollo en Salceda de Caselas, a reforma da sede da Autoridade Portuaria da Coruña e a rehabilitación da estación de autobuses de Pontevedra son algúns dos 47 proxectos finalistas dos premios COAG (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia). A entidade deu este luns a coñecer as obras candidatas da 21.ª edición da convocatoria, na que concorreron 243 propostas visadas, executadas e finalizadas entre o 1 de outubro do 2022 e o 30 de setembro do 2024.
O decano do COAG, Luciano Alfaya, preside o xurado, composto polos arquitectos Carmen Pinós, Alfonso Penela e Filipa Guerreiro, o urbanista Alfonso Díaz, e a escritora Blanca Riestra. Unha vez analizadas as candidaturas, escolleu 102 obras como proxectos seleccionados, para finalmente elixir como finalistas 47 obras entre as seguintes categorías: vivenda unifamiliar, 5; plurifamiliar, 4; outros edificios, 4; obras de rehabilitación patrimonial e restauración, 5; de deseño interior, 4; arquitecturas efémeras e deseño, 4; planificación urbana, 4; deseño de espazos urbanos, xardinaría e paisaxismo, 4; divulgación e investigación, 6; proxecto fin de carreira, 3; e obra no exterior, 4.
As propostas gañadoras daranse a coñecer nun acto no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago, o vindeiro 5 de abril, punto de encontro bienal de todos os sectores ao redor da arquitectura.
Alfaya subliñou a importancia de manter estes premios, iniciados en 1987. Así mesmo, destacou «o elevado número e a calidade dos proxectos presentados, en especial en vivenda e rehabilitación, o que dá conta da importancia de ambos os eidos na actual arquitectura galega».