Bágoas de música galega e emoción en Bruxelas

Javier Becerra
Javier Becerra BRUXELAS / ENVIADO ESPECIAL

CULTURA

Tanxugueras cantando entre o público no festival Emigrason
Tanxugueras cantando entre o público no festival Emigrason Pablo Vázquez

A despedida de Terbutalina e a explosiva reivindicación do lema «non hai fronteiras» de Tanxugueiras desbordaron o festival Emigrason

25 feb 2025 . Actualizado a las 09:33 h.

Dicía nada máis pisar o escenario Miguel Cernadas, o cantante de Terbutalina, que non ía falar moito porque acabaría chorando. Así que, co seu contaxioso humor habitual, en lugar de articular frases entre tema e tema apelaba a un onomatopeico «bla, bla, bla, bla, bla». Cada vez que o repetía xeraba máis e máis euforia na audiencia. A súa festa de punk-rock acelerado tivo resposta en forma de berros, pogos e tamén bágoas. Moitas. A formación de Muros, que irrompeu no 2010 como unha anomalía no panorama galego, vese hoxe como o precedente de bandas actuais como The Rapants e Grande Amore. O sábado na sala La Madeleine de Bruxelas ofrecía o seu último concerto. Alí, no espazo que varias décadas atrás se enchía de emigrantes galegos para bailar coa orquestra Los Satélites establecíase a mesma conexión que entón, pero cos códigos do 2025.

Miguel Cernadas de Terbulatina, deixando o escenario entre bágoas no último concerto da banda.
Miguel Cernadas de Terbulatina, deixando o escenario entre bágoas no último concerto da banda. Pablo Vázquez

Seguramente nunca se tocaran con anterioridade trallazos guitarreiros como Filloa e Compostela cos músicos derramando bágoas, as mesmas que caían polas fazulas dos que estaban nas primeiras filas. O recital que ofrecían no Emigrason miraba á eternidade deixando unha estela. E centos de galegos emigrantes acudiron a dicirlles adeus. «Foi o peche perfecto para toda a nosa traxectoria, algo impresionante», comentaba ao final Cernadas. Non ocorreu só no seu pase. Antes, ao principio do festival, De Ninghures sorprendeu invitando ao escenario aos outros dous grupos do cartel, Fillas de Cassandra e Tanxugueiras. Xuntos interpretaron o Muinheira da Costa de Terbutalina, en modo tradi e por sorpresa. Homenaxeaban así a unha formación que xa é historia da música galega, ademais de banda sonora xeracional de moitos dos que vibraban no Emigrason. «Foi moi especial deixar egos e prexuízos e unirnos todos para iso. Detrás de nós estaban os de Terbulatina chorando», explicaba Tomé Mouriño, un dos integrantes do grupo.

De Ninghures representan o futuro da música galega. Hoxe mesmo editan Feira, un elepé chamado a ser un dos traballos do ano. Del adiantaron algunhas pezas en Bruxelas dispostas ao lado do seu gran hit, Morena. Despois deles, pisaron as táboas Fillas de Cassandra. Volvían ao festival confirmadas como a máis feliz noticia da música pop galega desta década. Resumiron ao formato festivaleiro o espectáculo Últimas dionisíacas, e xeraron esa mestura de recollemento e efervescencia que xa é marca da casa. Temas como Tataravoa puxeron a botar a toda a sala. «Estabamos coa pel de pita todo o concerto», confesaba Sara Faro, metade do dúo. «Ao terminar chegábannos mensaxes de xente de Galicia que vía nos vídeos o que pasaba e que se lamentaba de non poder estar aquí», engadía.

Fillas de Cassandra nun momento da súa actuación.
Fillas de Cassandra nun momento da súa actuación. Pablo Vazquez

Para vídeos os que se gravaron con Tanxugueiras. Fixeron estoupar de emoción o Emigrason, viralizándose o gran momento. O que se viviu coa súa interpretación de Terra e o mítico «non hai fronteiras» resulta difícil de traducir en palabras. «Foi espectacular ver a toda a xente facendo pogo, xente que tiña moitas ganas de encontrarse con Galicia», reflexionaba Sabela Maneiro, do trío. De novo hai que retomar a imaxe das bágoas. As dos rostros dos organizadores e o público ante o que estaba a acontecer.

«No “backstage” a pregunta era: «Quen non chorou?"»

Na súa terceira edición, o Emigrason triplicou as dimensións que tiña na segunda. Das 400 persoas da sala Tricorette do 2024 pasouse ás 1.200 de La Madeleine. Dous días antes xa tiñan todo vendido. «Creo que foi un éxito absoluto encher unha das salas máis importantes de Bruxelas con música galega e en galego. Estamos moi contentos de que viñese tanta xente e o pasase tan ben», sinala Karan Novo, membro da organización. Ademais, pese ao gancho de nomes como Tanxugueiras, o público respondeu desde o primeiro momento: «O 80 % chegou xa para o primeiro concerto. Con De Ninghures había mil persoas dentro», puntualiza Ángel Estévez.

Os organizadores, ao final do festival, dirixíndose ao público.
Os organizadores, ao final do festival, dirixíndose ao público. Pablo Vázquez

Eses centos de persoas acudían desde quince países diferentes, consolidando o festival como un punto de encontro. Un evento que, como recorda Mateo González, é «un festival autoxestionado, que facemos no noso tempo libre, nos anacos que temos despois de traballar e nas nosas vidas. Non hai unha gran produtora detrás, nin xente dedicándose a isto 24 horas cada día. Dez persoas axudadas por catorce voluntarios están tras desta iniciativa que este ano superou a intensidade do ano anterior. «A imaxe desde arriba da actuación de Tanxugueiras foi tremenda e moi emocionante», opina Novo. «Pois eu, se me teño que quedar con algo, é no backstage onde a pregunta que se facía todo o mundo era: “Quen non chorou?”», comenta Estévez.