«O corpo de Cristo», último premio nacional de cómic, publicarase en galego en marzo

Rubén Santamarta Vicente
rubén santamarta REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Portada e interiores da edición galega que edita Astiberri.
Portada e interiores da edición galega que edita Astiberri.

Astiberri edita a versión no idioma no que foi inicialmente pensado, nunha tradución de Ledicia Costas

05 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Bea Lema (A Coruña, 1985) ideou o seu primeiro cómic no idioma no que se move acotío, en galego. Presentou O corpo de Cristo aos premios Castelao de banda deseñada da Deputación da Coruña, e gañou. Era o ano 2017. Ese traballo, breve, acabou uns anos máis tarde convertido nunha novela gráfica moi ambiciosa, que editou Astiberri. E pasou que no 2024 El cuerpo de Cristo, xa en castelán, foi premio nacional de cómic. O segundo que viña para Galicia despois do Ardalén de Miguelanxo Prado. Dúas obras ambientadas, tamén, no país.

 

 

A publicación en español é un éxito; vai camiño das cinco edicións. O vindeiro mes chegará a primeira no idioma no que foi pensado. Astiberri editará en marzo O corpo de Cristo en tradución de Ledicia Costas. É a segunda ocasión na que este selo vasco, referente na novela gráfica contemporánea en España, aposta polo galego (xa o fai con regularidade en éuscaro e catalán), despois de Uxío e amigos, de Martín Romero.

Bea Lema, no seu estudio na Coruña.
Bea Lema, no seu estudio na Coruña. MARCOS MÍGUEZ

Lema desenvolveu a súa idea inicial, a que foi premio Castelao, nunha residencia creativa en Angulema, a cidade francesa que cada ano celebra o encontro máis soado da industria do cómic en Europa, e de onde vén de pasar uns días a creadora coruñesa; este ano, España era o país convidado para expor os seus creadores máis salientables. O ano pasado foi ela mesma premiada alá. E xa son incontables os galardóns.

O corpo de Cristo é un cómic pouco, ou nada, convencional. No fondo e na forma. Posiblemente o último sexa o máis rechamante, porque Lema emprega varias técnicas para contar a súa historia, mesturando cor e branco e negro, e, sobre todo, tirando de páxinas bordadas, literalmente, por ela mesma, e logo escaneadas para a impresión. Adoptou esta solución para as páxinas que recollen as partes máis sensibles do relato, unha historia narrada dunha filla —cunha alta dose de experiencia persoal— sobre a enfermidade mental na que cae a súa nai.

O relato é conmovedor, esquivando o sentimentalismo e relatando con tacto as difíciles derivas nas que cae a muller, desde a relixión ata a incomprensión familiar. É tamén unha historia da emigración galega a Europa, do tránsito da aldea á cidade, do paso do tempo e do propio avance de Galicia nas últimas décadas.

O seguinte chanzo será ver este prodixio narrativo en imaxe animada. Bea Lema está agora preparando a adaptación desta obra para a gran pantalla.