
O enorme éxito que a montaxe dirixida por Eduardo Vasco de Luces de bohemia, a grande obra de Ramón María del Valle-Inclán, acadou no Teatro Español de Madrid entre os días 17 de outubro e 15 de decembro do ano pasado, vén seguido agora por un novo anuncio da posta en escena de dous textos máis do dramaturgo arousán nos tamén madrileños Teatros del Canal: Los cuernos de Don Friolera (entre os días 4 e 23 de marzo) e Divinas palabras (do 1 ao 4 de maio). Unha circunstancia que fai pensar que estamos ante un regreso clamoroso de Valle-Inclán. Porque no Teatro Español xa non foi posible obter entradas desde poucos días despois de que comezase a posta en escena.
Foi unha triste mágoa que o prodixioso e xenial Valle-Inclán finase a comezos de 1936 sen coñecer un grande éxito teatral. Algo que se foi retrasando ata a década de 1960, cando, en pleno franquismo, o empresario teatral José Tamayo, director do Teatro Bellas Artes, considerou chegada a hora de estrear Divinas palabras nunha versión que quedou ao coidado do escritor ferrolán Gonzalo Torrente Ballester. O creador do esperpento comezou así unha etapa de esplendor en España (no medio da ditadura) e fóra de España. Ocorreu que nese tempo o nome de Valle-Inclán xa se fixera universal, con estreas en Europa e en América. En Suecia, o grande Ingmar Bergman levou Divinas palabras aos escenarios en 1950, poñendo a obra na dianteira dun novo teatro que xa comezaba a medrar da man dos autores do teatro do absurdo aveciñados en Francia (Eugène Ionesco, Samuel Beckett e Arthur Adamov).
O prestixioso crítico teatral José Monleón dedicoulle páxinas moi brillantes á evolución do éxito mundial de Valle-Inclán, un dramaturgo ao que el consideraba un mestre que non fora superado como líder dun teatro comprometido coa denuncia dos males sociais. Algo que o xenio Valle-Inclán non puido ver, malia adiantarse a todos os novos creadores dramáticos. Porque detrás del chegou —e segue chegando— toda a súa obra, tan xenial coma intemporal. E benvida sexa!