O pintor San Luis

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

10 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

San Luis é o nome artístico do pintor galego Luis Jacobo Álvarez Rodríguez, nado en Vigo en febreiro de 1930 e falecido na mesma cidade en xullo de 1997. Artista autodidacta, dedicou a maior parte da súa vida á pintura. Non foi, no seu tempo, debidamente valorado, e hoxe, aos 28 anos do seu pasamento, o seu nome vaise esvaendo mesmo en Vigo, malia ser el o gran pintor da cidade: das súas prazas, das súas rúas, dos recunchos significativos... Pintor prolífico, cadros seus non escasean en mans particulares, e o seu nome, ante o público, só figura nunha placa dunha rúa periférica.

A súa filla, Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda (1961-2018), un ano antes do seu falecemento, moi consciente do pouco coñecemento e recoñecemento da obra plástica de San Luis, escribiu unhas cantas páxinas sobre a vida e o labor artístico de seu pai, a quen sempre atendeu e agarimou nunha cidade que non foi moi comprensiva con el. Herdeiro eu do arquivo literario da autora, hai meses batín, nunha de tantas carpetas, co texto, inédito, que titulou Algunos datos sobre la vida y la obra del pintor San Luis (Vigo, 1930-1997). Estou plenamente convencido de que tal traballo, no fondo reivindicativo, estaba destinado a facerse público, e xa é público, xa se publicou a finais do 2024.

Acolleuno a revista Ágora do Orcellón (n.º 42), o órgano oficial do Instituto de Estudios Carballiñeses, do que é director o profesor Avelino Muleiro, e foi ilustrado por catro imaxes escolleitas por Antón Pulido, asesor artístico da revista: unha fotografía do pintor (a que tiña a filla na mesa do seu despacho) e tres cadros (o autorretrato, unha praza viguesa e a cuberta do disco de Siniestro Total Bailaré sobre tu tumba (DRO, 1985).

Cómpre aclarar que Victoria Álvarez, ao esbozar a biografía e o retrato de seu pai, non escribe como filla afervoada, pródiga en adxectivos superlativos. Estamos ante un artigo modélico pola súa ponderación, un artigo que, sendo, ao seu xeito, reivindicativo, finaliza, con todo dereito, con estas palabras: «Ajeno a escuelas, enemigo de modas y sin continuadores, San Luis es un caso aparte. Pero hay que contar con él».