En marcha nove estreas teatrais

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle dos ensaios do espectáculo «Dance Join», de Marta Alonso Tejada, unha das nove estreas que acolle o programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios no primeiro semestre deste 2025.
Detalle dos ensaios do espectáculo «Dance Join», de Marta Alonso Tejada, unha das nove estreas que acolle o programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios no primeiro semestre deste 2025.

A Rede Galega de Teatros e Auditorios dá comezo esta fin de semana á súa programación anual, que este semestre ofrece 343 funcións en 41 concellos

08 ene 2025 . Actualizado a las 23:29 h.

A Rede Galega de Teatros e Auditorios dá comezo esta fin de semana á súa programación anual do 2025, que prepara para este semestre 343 funcións de artes escénicas e musicais en 41 concellos. A Consellería de Cultura e as entidades locais asociadas ao proxecto cofinancian este circuíto que conta para todo o exercicio cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros achegado polo departamento autonómico e destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa gran maioría. A representación inaugural celébrase este venres en Arteixo coa función de La bruja rechinadientes, da agrupación salmantina Katua&Galea, e en Narón con Las bodas del Fígaro, do colectivo canario Unahoramenos Producciones, que farán un segundo pase o sábado.

Aínda que o cartel comeza con dúas propostas de fóra de Galicia, o programa acollerá ao longo do primeiro semestre —que poñerá en xogo 115 compañías de artes escénicas e doce grupos de música— nove estreas de espectáculos de grupos galegos, oito deles producidos co apoio da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais, que ademais xestiona esta plataforma) a través do seu plan das subvencións á creación escénica.

A primeira estrea será a de Guerra, de Teatro do Noroeste, o 17 de xaneiro no Principal de Santiago, cunha segunda función o día seguinte. O texto de Eduardo Alonso aborda o conflito armado no corazón de Europa nunha traxedia de estilo shakesperiano. «A guerra é a expresión cruel do fracaso total, por iso nunca é unha solución, senón o máis grande dos erros», sinala a produtora.

«Reconversión»

Xa en febreiro, o venres 7 presentarase Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, no Rosalía Castro da Coruña. A compañía sobe ás táboas un texto do seu director, Santiago Cortegoso, que rende tributo ao seu pai e a súa xeración, a que protagonizou e sufriu a comezos dos anos oitenta o brutal proceso de reaxuste do sector naval en Vigo. En particular, afronta o peche de Ascón. Alén do persoal, late na peza un claro propósito de memoria histórica.

O sábado 8 será a quenda de Vitória, de Iria Pinheiro, no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas; o venres 21 estréase en Tui Transeúnte, a última creación do bailarín Daniel Rodríguez, que reflexiona sobre a relación das novas xeracións coa tradición e o folclore neste mundo tecnolóxico —conta co apoio do plan de coproducións do Centro Coreográfico Galego—; e o domingo 23 Isabel Risco presentará en Sada Nabiza Girl II.

En marzo, o día 20, a Casa da Cultura do Milladoiro de Ames acolle a estrea de Dance Join, unha peza interactiva na que Marta Alonso Tejada combina danza e clown; e tamén de Tromso, de Morraoconto, na xornada seguinte. A finais de mes, o venres 28, no Pazo da Cultura de Carballo, Paula Quintás Cía presentaralle por primeira vez ao público a súa nova creación, Aurora boreal. A última estrea está programada para o 5 de abril, no Rosalía da Coruña, e será a da peza de danza Para que non me deixes aquí soa, de Julia Laport.

Como novidade, incorpórase ao proxecto como escenario da rede o Auditorio Afonso Eanes do Cotón, en Negreira, que suma 293 butacas ao total de 18.375 coas que conta toda a rede autonómica.