Francisco Franco, cantor

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

22 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi un excelente cantor, sen dúbida, e xa con quince anos deu mostras desa excelencia. Paga a pena, pois, lembrar e gabar o seu nome.

Naceu Francisco Franco en Vilar de Silva, lugar da parroquia de Pardellán, no municipio de Rubiá, na provincia de Ourense. Son datos que tomo do libro de Víctor Said Armesto (1871-1914) Poesía popular gallega, editado postumamente pola Fundación Barrié de la Maza no ano 1992. Non se trata, por conseguinte, como xa virían sospeitando os discretos lectores, do seu coterráneo e contemporáneo Francisco Franco Bahamonde, de quen nin os panexiristas máis botafumeiros teñen mencionado as súas virtudes canoras.

Do ourensán Francisco Franco e dos seus conxéneres falarase —terá que falarse — o ano que vén, dedicado pola Real Academia Galega ao cancioneiro popular da tradición oral pois el, como cantor, foi un dos precisos transmisores. No libro citado, que prologou Domingo García-Sabell, o rigoroso investigador Said Armesto menciona o nome, a idade e a condición sociolaboral das persoas que cantaron, para el, cantos da tradición popular, ademais de sinalar a localidade concreta do cantor ou da cantora. Entre as persoas interpeladas polo investigador pontevedrés figuran bastantes mulleres: labradoras, fiandeiras, mendigas e unha cega de 58 anos, Catalina Barnedo Calveiro. Entre os homes, rexistramos un labrador e un curandeiro.

Mendiga era, de 70 anos, Leonor Franco, que tiña que porterse con Francisco Franco, o mozote que cantou para o noso investigador o Romance de Bernardo del Carpio. Fíxoo en castelán, a lingua máis frecuente, naquela Galicia, neste xénero da literatura tradicional en verso, o romance. Said Armesto recolleu varias versións deste tema, unha en Beade (Ribeiro de Avia) e outra en Cenlle (Ribadavia), dúas localidades moi próximas a Ventosela, a aldea onde eu, desde os nove anos, me iniciei nesta demofilia literaria. Recoñezo que nunca oín tal romance, nin sequera á Fina «a Moulona» (Delfina Rodríguez Rodríguez), que cantou, coa súa prodixiosa voz, o

Romance das tres comadres para a eminente musicóloga suíza Dorothé Schubarth.