O gasto das familias galegas en produtos e servizos culturais supera os 500 millóns de euros
13 nov 2024 . Actualizado a las 13:32 h.
A produción de libros en Galicia acada o seu mellor momento en máis dunha década. No 2023, inscribíronse 2.955 libros en ISBN no territorio galego, o que supón un aumento dun 44,2 % nos últimos cinco anos e o mellor resultado en 12 anos. No 2011, cando se iniciou un descenso na inscrición de libros en ISBN en Galicia, a cifra estaba en 3.233 libros. Esta é unha das principais conclusións da Conxuntura estatística do ámbito cultural, publicada este mércores e elaborada desde hai oito anos polo Observatorio da Cultura Galega.
No relativo ao gasto dos fogares, as familias galegas destinaron máis recursos á cultura chegando a superar os 500 millóns de euros no 2023. De cada 100 euros, os fogares de Galicia destinan 1,38 euros a produtos e servizos culturais. As entradas e as subscricións a plataformas son as principais fontes de gasto, seguidas dos libros e dos soportes de imaxe, son e datos, mentres que a compra de prensa descende.
A produción cultural vive un gran momento en Galicia
Galicia destaca en comparación cos datos estatais no relativo á produción de libros, cun crecemento sostido mentres que no ámbito español as cifras son máis inestables, cun descenso de 5.500 libros menos inscritos en ISBN no 2022.
Dos case 3.000 libros editados no 2023 en Galicia, a maior parte foron en soporte papel, uns 2.398, o que supón 304 máis que no ano anterior e 616 máis que no 2019. Noutros soportes, o total de obras inscritas foi de 557. Fronte á estabilidade na produción de libros en papel en ámbito estatal, Galicia mostra unha tendencia á alza. Porén, no relativo a outros soportes, no caso galego estes representan o 19 % e en España supoñen un 31 %.
Os mellores datos están na literatura infantil e xuvenil, cuxa edición aumentou en Galicia un 64,3 % no 2023 respecto ao ano anterior, acadando un total de 708 libros. A creación literaria tamén crece, con 71 libros máis de nova creación respecto ao 2022. Nestes dous ámbitos, Galicia destaca sobre a tendencia nacional.
Os de temática científica e técnica aumentaron en 53 libros no 2023. Pola contra, explica o informe, os de ciencias sociais e humanidades alcanzaron o seu pico no 2020, con 786 obras, e diminuiron no 2023, quedando en 643. As editoriais galegas se incrementaron, chegando ás 160, que teñen unha produción media de 18 libros anuais.
Os libros publicados en lingua galega tamén amosan unha tendencia positiva. No 2023, rexitráronse 1.857 obras en galego e a cifra máis alta nos últimos cinco anos. Con todo, os datos de traducións á lingua galega non son tan positivos, cun lixeiro descenso desde o 2021 quedando en 38 libros.
Os datos amosan que os galegos continúan acudindo ás salas de cine. Desde o 2021 mantense o número de cines en 38, mentres que as salas de exhibición diminuiron ata as 183. Por cada 100.000 galegos, existen 6,8 salas deste tipo, fronte ás 7,5 na media estatal. A asistencia aínda non recuperou os valores anteriores á pandemia, aínda que si mostra unha recuperación desde o 2020. Nos últimos tres anos a cifra de espectadores aumentou en dous millóns, cunha asistencia media per cápita de 1,2 fronte ao 1,6 español.
Así, a recadación cinematográfica en Galicia creceu desde o 2020, acadando 20,1 millóns no 2023. Cada espectador galego gastou de media no cine 6,3 euros nese período, unha cifra moi similar aos 6,4 euros en España.
Tamén hai máis variedade na oferta das salas, xa que se incrementou o número de películas proxectadas. Estas chegaron ás 686, unha cifra mesmo superior á de 2019, cando estaba en 582.
O turismo cultural viviu un lixeiro descenso no caso galego, cunha baixada de 34.800 viaxes, quedando en preto de 715.000 desprazamentos por este motivo. Porén, o interese por viaxar por razóns culturais é superior ao ano anterior á pandemia, o que mostra unha tendencia positiva. Ademais, os galegos pasan de media máis días que o conxunto estatal neste tipo de viaxes, con visitas que se prolongan ata uns 5 días fronte aos 3,4 do total de España.
Ademais, o gasto dos residentes en España en viaxes culturais a Galicia superou os 330 millóns de euros no 2023, case 111 millóns máis que no 2019, aínda que 3,8 millóns menos que no 2022. Cada persoa que visita Galicia por estes motivos gastou 464 euros de media.
Preto de 37.000 persoas traballan no sector cultural galego
En Galicia, unhas 36.800 persoas contan cun emprego cultural no 2024. Este total aumentou principalmente debido aos traballadores autónomos, que representan un 45 % do total de afilicacións. A educación cultural, o deseño especializado e a arquitectura son as actividades que amosan aumentos sostidos. No extremo contrario, a fabricación de produtos culturais e as axencias de noticias e servizos similares diminuíron.
A creación de empresas culturais galegas experimentou un retroceso a comezos de ano, pero recuperou o ritmo cara a setembro do 2024 —últimos datos dispoñibles—, quedando en niveis similares aos do 2023.
A estabilidade amósase así na variación do IPC, que en setembro do 2024 estaba nun 0,8 %, un 0,5 menos que no IPC xeral. Aínda que os prezos aumentaron, o ascenso moderouse.
Baixan as exportacións, aumenta o orzamento
O 2023 foi un ano de retroceso nas exportacións, despois de anos de crecemento cun aumento dun 88 % entre o 2019 e o 2023, coas actividades de edición liderando o valor exportado. Atendendo aos últimos anos do 2024, as exportacións culturais amosan un incremento relevante.
No relativo aos orzamentos, a Adminstración autonómica adicou un 1,3 % máis á cultura e normalización lingüística, aumentando nun millón de euros no 2024, o que deixa un total de 116,6 millóns. Con todo, a proporción do gasto cultural sobre o total de entidades locais reduciuse un 0,9 %. Isto significa, segundo apunta o informe, que outros sectores viviron un incremento maior nos seus orzamentos. Os concellos tamén aumentaron o gasto en cultura en preto de 10 millóns de euros, mentres que as deputacións baixaron os orzamentos en 4,3 millóns de euros.