Galega polo pai (de Bergondo) e catalá pola nai, naceu en Barcelona en 1911 e faleceu, en 1986, en Vigo, onde residía desde a morte de Franco. Aínda non apareceu o biógrafo que conte os seus infortunios e a súa grandeza cívica, propia dos seres humanos imprescindibles.
A partir de 1939, no afán de servir o seu ideal, chovéronlle infortunios. Despois de ser detida e torturada na Coruña nese ano, ingresa na prisión de Ventas (Madrid), aquela prisión ideada por Victoria Kent para 500 reclusas e na que Mercedes conviviu con 6.000. Cóntao ela no relato Cárcel de Ventas (París, 1967).
Excarcerada en 1942, cruza a fronteira e implícase de cheo na Resistencia francesa ata que cae, en Carcasonne, nas gadoupas dun francés nazi, René Bach, que non lle aforrou humillacións e torturas ata que a enviou ao campo de concentración de Ravensbrück. Era o ano 1944, cando Alemaña ía de derrota en derrota. Alí penou Mercedes, pero sen deixar de militar na causa antinazi: ela e algunhas compañeiras, recrutadas para traballaren nunha fábrica de obuses, foron quen de facelos saír da factoría con graves deficiencias. Só deste xeito colaboraron co inimigo. Cóntao tamén ela, en catalán, no libro El carretó dels gossos (Barcelona, 1980). Foi liberada o 14 de abril de 1945 cando estaba enferma e esquelética, horas antes de que ingresase na cámara de gas e de que o seu cadáver, no «carretó dels gossos» (a carreta dos cans), fose destinado ao crematorio.
Tamén conta, nesta crónica arrepiante, o xuízo, meses despois, contra René Bach, que se presenta, daquela, sen o rechamante uniforme, case descalzo, pálido, cheo de medo e esposado. Mercedes Núñez, que acudira ao xuízo co rancor acumulado e coa intención de darlle unhas labazadas, escribe: «Como facerlle nada a un inimigo encadeado?... Algo máis forte ca todos os odios átame as mans. É, confusamente, o sentimento da propia dignidade...».
En Nigrán, o sábado pasado, na biblioteca municipal, presentamos José Luis Outes e mais eu unha nova edición, nun só tomo, dos dous imprescindibles libros cun fermoso prólogo de Elvira Lindo (Sevilla, Renacimiento).