O Consello da Cultura e a Penzol poñen o foco sobre Xohán Vicente Viqueira

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

Xohán Vicente Viqueira (Madrid, 1886-Bergondo, 1924).
Xohán Vicente Viqueira (Madrid, 1886-Bergondo, 1924). CCG

Este ano cúmprese o centenario do pasamento do intelectual galeguista

23 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Fundación Penzol, coa colaboración do Concello de Vigo, afondaron este martes na figura de Xohán Vicente Viqueira (Madrid, 1886-Bergondo, 1924) nun acto desenvolvido na viguesa Casa Galega da Cultura. A cita veu motivada pola conmemoración do centenario do pasamento do intelectual, pero tamén coincidindo coa data do seu nacemento en 1886, o 22 de outubro.

«Xohán Vicente Viqueira non é un esquecido, pero si é pouco frecuentado polos estudosos e os lectores, e un acto coma este tenta poñelo baixo o foco de máis xente», sinalou Rosario Álvarez, presidenta do CCG. E o encontro tomou ese camiño. Catro estudosos da traxectoria profesional e vital de Viqueira afrontaron a súa figura dende distintas ópticas.

A lembranza de Xohán Vicente Viqueira tivo lugar en Vigo na Casa Galega da Cultura, onde se xuntaron persoeiros como Malós Cabrera, Xesús Alonso Montero, Xosé Manuel Soutullo, Alejo Amoedo e Xavier Queipo.
A lembranza de Xohán Vicente Viqueira tivo lugar en Vigo na Casa Galega da Cultura, onde se xuntaron persoeiros como Malós Cabrera, Xesús Alonso Montero, Xosé Manuel Soutullo, Alejo Amoedo e Xavier Queipo. Xoán Carlos Gil

Silvestre Gómez Xurxo, padroeiro da Fundación Penzol, presentou o número 31 do boletín Novas Penzol, dedicado integramente ao que fora presidente das Irmandades da Fala na Coruña. O catedrático emérito de Historia da Educación da Universidade de Santiago, Antón Costa, falou da psicopedagoxía e a reforma escolar en Galicia. Viqueira non só foi discípulo da Institución Libre de Enseñanza, obra de Francisco Giner de los Ríos, senón que, durante o seu período de formación en Europa, entrou en contacto con notables figuras das máis avanzadas correntes europeas da filosofía e da psicoloxía experimental. O propio Antón Costa foi o autor da entrada de Viqueira no Álbum de Galicia, a colección biobibliográfica que mantén en marcha o Consello da Cultura Galega.

Pola súa banda, o investigador Xurxo Martínez desenvolveu un discurso en torno á participación do personaxe homenaxeado nas Irmandades da Fala. A última intervención recaeu en Xosé Manuel Dasilva, padroeiro da Fundación Penzol, quen abordou a posición de Xohán Vicente Viqueira ante a lingua galega. O intelectual significouse na súa curta vida a favor da normalización do galego en eidos como o ensino, o da súa profesión.

Rosario Álvarez afirmou que o acto de recoñecemento á figura de Xohán Vicente Viqueira iniciaba unha nova etapa de colaboración entre o Consello da Cultura Galega e a Fundación Penzol en diferentes aspectos.

Pola súa banda, Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol, recordou que cando a viúva de Viqueira depositou na Penzol os fondos persoais do escritor, a entidade asumiu a responsabilidade de poñelos a disposición dos estudosos do mellor xeito posible.