Miguel Rodríguez Monteavaro, gañador do Premio de Poesía Afundación: «Gústame a creación desde a periferia, pódese facer arte desde os confíns»
CULTURA
O primeiro galardo de fóra de Galicia, ademais do certame galego, acaba de gañar outro escribindo en asturiano
01 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.«Son asturiano da raia mesmo. Son falante de galego de Asturias, escribo en galego de Asturias, en asturiano e en galego normativo». Así o explica Miguel Rodríguez Monteavaro (Bual, 1990) minutos despois de coñecer en Kenya, onde está participando nun festival poético, que é o gañador da vixésimo segunda edición do premio de poesía Afundación coa obra Cortar pescado en Manila. O filólogo, escritor e músico convértese así no primeiro galardoado deste certame de fóra de Galicia, segundo destacaron desde a organización.
—Que supón acadar este premio?
—Vaime dar un empuxe na miña carreira. Ademais, hai uns días gañei o premio máis grande de Asturias [o Xuan María Acebal], de poesía en asturiano. Entón, para min, isto é unha loucura porque estou gañando o premio máis grande de Galicia e o de Asturias con dous libros diferentes e dúas formas de entender a poesía moi persoais. É como un soño.
—En este traballo «Cortar pescado en Manila», o xurado destaca o feito de que achega temas próximos desde o distanciamento
—O que fago é coller un terceiro personaxe —non é autoficción— e describir en primeira persoa a súa vida, que é un peixeiro que vive e traballa en Manila, que ten o seu traballo e as súas formas de entender o traballo, a vida, o amor..., igual ca nós aquí, pero está descentralizado do que temos aquí. Entón, pode parecer alleo, pero non o é.
—Escribe en galego, en asturiano, en galego de Asturias...
—A miña lingua materna é a variedade de galego falado en Asturias e cando fun a estudar con 18 anos aprendín asturiano. Polo tanto, o galego e o asturiano son dúas linguas miñas, igual que o castelán, pero o castelán xa ten moitos escritores, moitos lectores ao longo do mundo, entón, creo que é moito mellor a literatura nas miñas linguas que o que poida facer en castelán, que xa ten outras poéticas.
—Que o animou a presentarse ao premio de Afundación?
—Gústame moito o concepto de periferia, e iso lévame a estar presente en todos os centros. Cando participo nos premios Xuan María Acebal ou no de Afundación, estoume presentando aos premios máis grandes desde un punto que está fóra deses centros. Gústame a creación desde a periferia, o que é inesperado, diferente, pero aínda así noso; pódese facer arte desde os confíns.
—En Asturias organiza tamén encontros poéticos.
—A partir do mes que vén teño o meu ciclo. De Galicia trouxen en anteriores anos a Chus Pato e Olga Novo, que son premios nacionais de poesía.
—Como ve a poesía galega?
—A poesía galega hoxe en día é a máis potente de toda a península Ibérica. Temos que estar moi orgullosos dela, tanto a xente que leva traballando toda a vida por ela como os que somos máis novos. En realidade, toda a literatura periférica está nun momento moi bo: a asturiana, a vasca, a catalá, a valenciana...
—A poesía está collendo un novo pulo?
—Eu creo que a poesía tivo ciclos históricos. Durante moito tempo era o xénero rei, pero no século XX a novela foi a raíña. Agora está pasando que un público novo, desprexuizado, con outra forma de entender a vida, outra forma de entender a literatura, está achegándose á poesía contemporánea sen medo.
—O poemario gañador escribiuno en galego normativo.
—En Asturias non temos acceso á formación en galego normativo e, practicamente, non temos en ningunha variedade. Eu tiven que aprender de maior, con conciencia de aprender non un idioma novo —porque é a miña lingua— pero si unha ortografía nova.
—En que se inspira?
—Depende cada proxecto. Para min cada proxecto é algo pechado, que ten un principio e ten un fin. Os meus primeiros libros eran máis persoais, de vivencias miñas, e nestes últimos intento facer algo máis colectivo, que a xente da miña idade ou doutras se poida sentir identificada.
Versos que abordan temas próximos desde o distanciamento
O poemario Cortar pescado en Manila impúxose por maioría nun certame ao que se presentaron 32 obras inéditas. O xurado, que se reuniu onte en Santiago, destacou deste libro de Miguel Rodríguez Monteavaro que «é un interesante percorrido formal que emprega con habelencia o efecto de distanciamento para tratar temas propios como a realidade laboral, o amor, a violencia..., pero tamén toda a beleza que se pode atopar neses ámbitos. Desde o punto de vista poético, o autor manexa con habelencia o ritmo lírico e narrativo para crear un texto unitario».
O xurado estivo formado Héitor Mera, Inma López Silva, María Neves Soutelo, Xabier Castro e Luís González Tosar, presidente do Centro Pen de Galicia. «Había tres ou catro finalistas moi sólidos», resaltou Tosar. Na elección final de Rodríguez Monteavaro pesou que «achega unha visión do mundo moi realista» e que «toca temas universais» nun poemario moi visual.
A dotación do premio medra nesta edición ata os 7.000 euros, destacou o director xerente de Afundación, Pedro Otero. Pola súa banda, o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, salientou o feito de que se trate dun autor do occidente asturiano, o que amosa o alcance do galego. Ademais, fixo fincapé no momento de enorme vitalidade que vive a creación poética galega.
Está previsto que a entrega do premio, que comporta a publicación dos versos na colección Arte de Trobar, se celebre a finais do próximo novembro.