Está conformado por 109 obras e, ademais das partituras, inclúe correspondencia, fotografías e obxectos persoais
24 sep 2024 . Actualizado a las 18:07 h.A familia do compositor José Fernández Vide (Ourense, 1893-1981), pertencente á xeración Nós, cedeu os seus fondos á Universidade de Santiago. Conta con 109 obras. Pero ademais das partituras, inclúe correspondencia, fotografías e obxectos persoais. Este martes, coincidindo coa presentación do fondo, tamén se inaugurou a exposición José Fernández Vide: o trasfegar dun ourensán, que poderá visitarse ata o 24 de outubro na Facultade de Xeografía e Historia. Ademais, Noemí Salomón interpretou ao piano pezas do compositor.
Montserrat Capelán, a profesora da USC e coordinadora de Organistrum, resaltou a importancia de que os fondos familiares pasen as institucións porque «é moi doado que se perdan, e así todo o mundo poderá acceder a elles». O acto estivo presidido polo reitor da USC, Antonio López, e tamén participou a neta do compositor, Sara Fernández, entre outros.
Fernández Vide, con formación na capela da catedral como neno de coro, foi docente e activista musical, director de coros e compositor. En 1924 recibiu o encargo do Centro Galego da Habana para que se ocupase da docencia musical e chegou a ser director do Conservatorio do Centro Galego. En 1932 regresa a Ourense, onde ata xubilarse foi director do Orfeón Unión Ourensana, ademais de dar clase en Maxisterio e no instituto As Lagoas.