Yolanda Castaño defende a necesidade de profesionalizar a creación literaria
CULTURA
Analiza as eivas do sistema no ensaio gañador do Premio Ramón Piñeiro
23 sep 2024 . Actualizado a las 22:55 h.«Abrir o debate sobre un asunto sobre o que había un tupido velo, que xa tocaba ir descorrendo para ser máis transparentes». Ese foi o obxectivo da poeta, filóloga e tradutora Yolanda Castaño (Santiago, 1977) no seu primeiro ensaio, Economía e poesía: rimas internas, ao abordar a profesionalización do mundo cultural e a dignificación dos traballadores da palabra en xeral, e da poesía en particular. Un traballo que lle valeu o premio Ramón Piñeiro de Ensaio en decembro e que ao pouco de saír do prelo xa vai pola súa segunda edición. «Estou radiante porque a miña primeira incursión no ensaio teña acadado este galardón con tanta sona e prestixio», apuntou a autora, amosando tamén a súa alegría polo interese que está concitando tamén fóra de Galicia e incluso en Latinoamérica.
Este traballo é froito de «vinte anos de reflexións profundas, de sete anos de notas e dous anos de escrita moi consciente», sinalou a tamén gañadora do Premio Nacional de Poesía 2023 durante a presentación do libro en Santiago acompañada do secretario xeral da Lingua, Valentín García; do director xeral de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo; e do director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Antonio Méndez. A pretensión de Yolanda Castaño foi «testar as grandes dificultades» ás que se enfronta unha persoa que coma ela pon a escrita como eixo central da súa vida. «Isto levoume a ver un sistema con profundas desigualdades e con algunhas eivas estruturais», sinalou. Ao respecto conclúe que «queda moito máis patente que poidan vivir do libro as editoriais, as librarías e as distribuidoras», que as persoas autoras, que a pesares de ser «a única parte imprescindible do libros, reciben sobre todo como pago moeda simbólica, como pode ser visibilidade, prestixio, recoñecemento, admiración e agarimo». Estas «moedas simbólicas», engadiu, «non acaban de cotizar no sistema económico no que se nos obriga a vivir».
A autora apunta a que este desaxuste no sistema pode rematar «nunha fenda de clase»: «Se deixamos a literatura exclusivamente en mans de quen se pode permitir non recibir a máis mínima remuneración a cambio, haberá o risco de deixar fóra moitos voces interesantes». Para Yolanda Castaño, «o camiño da profesionalización debería ser un horizonte o máis desexable posible». A ese respecto engadiu que se «o carácter profesional non resta crédito a un músico ou a unha pintora porque viva diso, non ten por que predispoñer ou levantar suspicacias no caso dunha escritora ou escritor».
En Economía e poesía: rimas internas, Yolanda Castaño fai unha observación diacrónica ao longo de dúas décadas, que tamén serve de referencia para outros oficios creativos. E aí aprecia que «a evolución, os cambios, as mudanzas e transformacións foron sempre en positivo». Salientou que isto permite «ser máis críticos co pasado e manter as expectativas aínda máis altas para o futuro». Deixou claro que este ensaio ten final feliz: «De feito, eu son o exemplo que se pode vivir da literatura e dun xénero tan minoritario como a poesía en galego. Hoxe ninguén me chama dun espazo para ningunha colaboración gratuíta, algo que si ocorría no comezo da miña carreira [...] Hoxe estamos máis cerca da profesionalización».
Pola súa banda, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, salientou a madurez do sistema literario galego para debater este tipo de temas que pon sobre a mesa Castaño. Ademais, fixo fincapé no feito de que un ensaio sobre o proceso de creación poética vaia xa pola segunda edición. O director xeral de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, incidiu en que o ensaio responde moi ben aos obxectivos do premio Ramón Piñeiro.