O autor resalta que en «Tras do Ceo» se reflicten conflitos sociais actuais
19 sep 2024 . Actualizado a las 23:35 h.«Un escribe unha novela porque quere contar algo que non pode expresar doutro xeito», afirmou o escritor Manuel Rivas ante o público que onte ateigaba a libraría Cronopios en Santiago na primeira presentación do seu novo libro, Tras do Ceo (Xerais). Unha obra que, profundou, «reflicte os conflitos que estamos a vivir: sociais, culturais, de desigualdades, de guerra contra a muller e a natureza...». Á hora de afrontalos teno claro: «Hai que escribir sen medo. Eu teño moitos medos, pero non se pode escribir con eles».
Esta obra supón o regreso de Rivas á novela despois de nove anos tras a publicación de O último día de Terranova (2015), e volve mergullándose no xénero negro. «Algúns dinme que ao primeiro parece de risa, pero eu dígolles que sigan lendo. Vaise endurecendo a medida que avanza», sinalou, resaltando que en Tras do Ceo «hai moita presenza da morte, porque eu quero moito a vida; nesta novela quérese moito a vida». Asuntos como o machismo ou a destrución da natureza están moi presentes. «A novela é feminista da primeira letra ao final», apuntou, indicando que está «contra esa anticultura da dominación, da posesión».
O autor, que confesou que para el «escribir é como respirar», iniciou a presentación de Tras do Ceo lendo un pequeno fragmento das duascentas páxinas do que constitúe a primeira novela dunha serie que se converterá en triloxía, segundo avanzou o director de Xerais, Fran Alonso, que o acompañou neste acto xunto á xornalista Susana Pedreira. Nese senso, Alonso precisou que as tres novelas, que se poderán ler de xeito independente, xirarán en torno ao dito «o home é un lobo para o home» e, neste caso, precisou, «esa marca de xénero é a conciencia porque ten unha reflexión moi forte sobre a masculinidade e o papel do home».
Tras do Ceo ten como punto de partida unha cuadrilla de cazadores que participa nunha batida contra un porco bravo, considerado moi perigoso, ao que se lle atribúe unha morte. Nese territorio tamén aparecen dúas mulleres sendeiristas, que os cazadores acoden a auxiliar. «A partir de aí hai unha relación de cordialidade, que torna en tensión e prolóngase a violencia verbal», apunta Fran Alonso, quen define a nova novela de Rivas como «brutalismo máxico con perfil poético». Así, considera que se trata dunha novela negra «radical, salvaxe, sen concesións e con gran capacidade para engaiolarnos», na que «todos os crimes teñen un forte fondo social». Pero deixa claro que tamén está «chea de humor, cunha ironía moi forte».
A novela de Manuel Rivas, «a voz máis internacional da literatura galega», incidiu Fran Alonso, xa leva dez días nas librerías e afronta a súa reedición. Agora, despois da presentación en Santiago, o autor volverá ter unha cita cos lectores mañá na Coruña (19.00 horas, libraría Moito Conto) e o sábado en Pontevedra (12.00 horas, libraría Paz). Estas presentacións continuarán a vindeira semana en Sanxenxo (hotel Justo, día 25, ás 20.00 horas) e en Bueu (Centro Social do Mar, día 26, 19.30 horas).