Alberto Ramos gaña o Premio Repsol de Narrativa Breve coa novela «Pirotecnia»
CULTURA
O escritor compostelán conquista de novo un galardón que xa obtivera no 2022
18 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Alberto Ramos (Santiago, 1986) alzouse este martes co Premio Repsol de Narrativa Breve na súa décima oitava edición grazas a Pirotecnia, unha novela «de estilo impecable» e «habelencia polifónica» que acadou o respaldo da maioría do xurado, impoñéndose así entre os corenta orixinais que concorreron ao certame, segundo anotou onte na Coruña o portavoz, Daniel Ugarte. É a segunda vez que o escritor e xornalista compostelán obtén este recoñecemento literario —un dos máis consolidados no sistema literario galego; dotado con 12.000 euros e a publicación da obra pola editorial Galaxia—, despois de recibilo no 2022 por Os corpos dos Romanov.
«Pola calidade dos seus diálogos, a caracterización dos personaxes e a acaída recreación de atmosferas, esta novela constitúe un excelente retrato da complexa sociedade galega que nos tocou vivir», recolle o fallo lido por Ugarte na refinería coruñesa en representación do resto dos membros do xurado, Marcos Calveiro, Fran Fernández Davila, Montse Pena e Armando Requeixo.
A obra, «suxestiva recreación dunha trama que amosa a tráxica explosión» dunha factoría pirotécnica no sur de Galicia e como este suceso «muda drasticamente a vida de todas as persoas implicadas», chegará ás librarías nos primeiros días de novembro, como avanzou Xosé Manuel Soutullo, director xeral de Galaxia, que apoia o premio xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Cerca de 600 novelas curtas participaron xa no certame desde o seu nacemento no 2006, alentado nun inicio por traballadores da refinería coa colaboración da Xunta, e auspiciado desde o 2010 pola Fundación Repsol.
Periodismo e ficción
Alberto Ramos, licenciado en Periodismo e colaborador habitual de Luzes, Praza e Nós Diario, entre outros medios, comezou na ficción con Dor pantasma, unha historia sobre a desaparición dunha rapaza en Cangas que lle valeu o premio Biblos-Pazos de Galicia de novela 2006. Tres anos máis tarde recibiu un novo recoñecemento coa obra Con acuse de recibo, unha intriga sen detectives galardoada co Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. E a este seguíronlle o Vicente Risco tamén por partida dobre: Todos os días (2013) e A simetría das bestas (2018); o García Barros por Máscaras rotas para Sebastian Nell (2014), e o Rafael Dieste de textos teatrais no 2023 para Conxo, non restraint, unha afiada investigación sobre a violencia psiquiátrica no hospital de Conxo.
Desde o primeiro premiado, o xornalista e poeta Miguel Sande, ata Alberto Ramos, mereceron o Repsol de narrativa breve traballos de Gonzalo Hermo, Berta Dávila, Antón Lopo, Anxos Sumai e Xosé Monteagudo, autores que «están entre os máis vendidos de Galicia, o que é a auténtica proba do nove dun premio literario. Porque é importante a dotación e importantísimo que publique Galaxia, pero, se logo os lectores non avalan... E aquí avalan. Os lectores galegos están esperando este premio», enxalzou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, quen, por certo, animou a «publicar, escribir e facer cousas tamén para a xente de fóra que está chegando a Galicia desde outros países, máis de cen mil persoas nos últimos cinco anos».