O festival Maré ondea a bandeira multicultural con 30 artistas dunha decena de países

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Vitor Belho, director do festival Maré (á dereita), presentou este xoves a programación acompañado de representantes institucionais
Vitor Belho, director do festival Maré (á dereita), presentou este xoves a programación acompañado de representantes institucionais SANDRA ALONSO

Albert Pla, Niño de Elche e Shantel lideran o cartel do encontro musical santiagués

12 sep 2024 . Actualizado a las 22:37 h.

A diversidade, a multiculturalidade, activismo e o diálogo entre creadores galegos e internacionais están na cerna do festival Maré, que se celebrará en Santiago do 25 ao 29 deste mes. Para iso reunirá nesta quinta edición unha trintena de artistas chegados desde unha decena de países, como Alemaña, Angola, Brasil, Estonia, Palestina, Portugal e México. No cartel destacan nomes como os do catalán Albert Pla, o valenciano Niño de Elche e o alemán Shantel, así como os galegos Sumrrá, Sés e A Pedreira. «Cremos que a cultura debe ter unha visión social, unha capacidade de construír comunidade. Por iso tratamos de tocar a públicos moi diversos e traballar na integración», resaltou o director do encontro, Vítor Belho, apuntando que contan con artistas «que non son mainstream pero que axudan a asentar distintas realidades».

A ese obxectivo de propiciar diálogos responde o concerto da xornada inaugural no que se fusiona o jazz da banda compostelá Sumrrá co cantante multidisciplinar valenciano Niño de Elche. Será o día 25 na sala Capitol despois da actuación inicial de Su Garrido Pombo. Nese primeiro día tamén actuará Diadorim en Riquela e haberá foliada na Casa das Crechas. O xoves 26 no teatro Principal soará Al Ázar, un trío que presenta o folclore árabe e palestino de xeito contemporáneo, seguido da galega Sés, que tamén chegará en formato trío. Esa mesma xornada subirase ao escenario da Capitol Albert Pla and The Surprise Band. As actuacións do segundo día complétanas a arxentina Aluminé Guerrero na Riquela e DJ Panko nas Crechas. O venres medra a programación. A portuguesa Ana Lua Caiano estará no Principal xunto ao trío galego Nacho-Faia-Lar. Tamén hai espectáculo a pé de rúa cos grupos Delahuerta, Dupla, Shantel e o estonio Puuluup na praza de Mazarelos. Ademais, regresan a Compostela as Ultranoites de Chévere tras case un decenio. Neste caso, as entradas xa están esgotadas.

O sábado 28, A Pedreira actuará no Principal precedida pola mexicana Laura Itandehui, mentres que Francisco, el Hombre, desde México e Brasil, protagonizará o concerto na Capitol. Volverá haber música en Mazarelos, co Coro da Ra, Marala e Alana, entre outros. Ademais, en Riquela tocará Zuaraz. Por outra parte, Maré non perde o seu forte vínculo coa lusofonía e as músicas atlánticas. Así quedará patente no concerto de clausura cunha homenaxe a José Afonso, «cunha revisión do seu repertorio en clave africana». Para iso chegarán ao Principal músicos desde Portugal, Angola e Mozambique. Non faltará a presenza galega con Uxía, A Pedreira e Faia Díaz.

Tamén haberá espectáculos para crianzas, así como pasarrúas coa Marexada Perkuta, circo, mercado de artesanía e poesía. Neste edición toman importancia os encontros profesionais no marco de Mate Europe. Ademais, Belho apuntou que queren que sexa a máis inclusiva, con mochilas vibratorias para persoas con dificultades auditivas e tradución a linguaxe de signos en parte das propostas.

Todas estas actividades presentáronse en Santiago nun acto celebrado na Fundación RIA que contou coa participación de Valentín García, secretario xeral da Lingua; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación coruñesa; Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural de Santiago; e Loreto Rodríguez, de Estrella Galicia. García subliñou a relevancia da confluencia doutras músicas coa galega e o impulso ás linguas, mentres que Louzao fixo fincapé na diversidade cultural. Pola súa banda, Regueira felicitou ao festival por «asumir riscos».