O cine de Leopold Lindtberg, un berro humanista fronte ao horror da Segunda Guerra Mundial
CULTURA
A distribuidora cinematográfica galega Lost & Found promove un ciclo na compostelá sala Numax para dar a coñecer a súa figura
12 sep 2024 . Actualizado a las 23:16 h.A distribuidora cinematográfica galega Lost & Found promove un ciclo para dar a coñecer a figura e a peculiar mirada do cineasta austríaco Leopold Lindtberg (Viena, Imperio austrohúngaro, 1902-Sils im Engadin/Segl, Suíza, 1984), para o que contará coa presenza de Frédéric Maire, director da Cinémathèque Suisse, que impulsou as máis recentes restauracións do traballo do realizador. Lindtberg soubo amosar as consecuencias da Segunda Guerra Mundial sempre cun enfoque intelixente, honesto e sensible, a pesares das presións que sufriu. E os seus filmes seguen a ser hoxe un berro humanista fronte ao horror da guerra.
Fuxindo da súa Austria natal por motivos políticos, estableceuse en Zürich a mediados dos trinta, onde traballou na Schauspielhaus, que naquel momento acollía a moitos colegas de fala xermana que escapaban do nazismo. A produtora Praesens-Film, a máis antiga de Suíza, aínda en funcionamento, viu a súa valía nas táboas e deulle unha oportunidade no cinema en 1935 con Jä-Soo! Aínda que a súa figura estea hoxe esquecida, no seu tempo acadou importantes recoñecementos como o Óscar ao mellor guión orixinal, o gran premio de Cannes e galardóns na Berlinale.
Maire presentará este venres (ás 19 horas) na compostelá sala Numax a proxección de La aldea, recén restaurada e estreada en Cannes no 2023. Durante a fin de semana, acompañará aos espectadores en Cineteca Madrid tamén con La aldea e La última oportunidad, Gran Premio de Cannes en 1946 e Globo de Ouro á mellor película internacional en 1947. Numax proxectará estes días outros títulos do autor.
Lintdberg rodou catro filmes entre 1944 e 1953: Marie-Louise, Cuatro en jeep e as xa citadas. Marie-Louise foi a primeira cinta non estadounidense en gañar o premio ao guión orixinal.
Desde a neutral Suíza, espellismo de paz nunha Europa arrasada pola violencia, lembra a distribuidora, Lindtberg tomou partido a través do seu cine, centrándose especialmente na situación dos refuxiados, que como el tiveron que deixar o fogar para sobrevivir á barbarie. As presións dentro e fóra de Suíza levárono a abandona o cine en 1953 e centrarse no teatro e a televisión.