Xosé Zapata falará de «Mr. Ficher's chair», curta de animación que codirixe con Lorenzo Degl'Innocenti e conta con Woody Allen como voz narradora
04 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Ourense Film Festival (OUFF) quere converterse en plataforma implicada e decisiva do cine galego. Nun paso máis nesta dirección, na súa edición número 29 —que se celebra entre o 27 de setembro e o 6 de outubro—, incorpora unha nova sección chamada OUFF Lab, cuxo obxectivo é dar a coñecer novos proxectos do sector audiovisual da comunidade autónoma. OUFF Lab porá en marcha unha serie de presentacións durante as datas do certame na que, nesta ocasión, sete cineastas e produtores galegos comentarán os filmes en que están a traballar.
Co patrocinio de Turismo de Galicia, pretende ser unha ollada cara o futuro da industria, con obras de distintos estilos e formatos, pero que apostan pola provincia de Ourense e por Galicia como territorio de rodaxe con gran valor en canto a paisaxe e patrimonio para desenvolver as súas producións. Curtametraxes ou longas, de animación, adaptacións de textos literarios e xéneros tan dispares como o drama, o thriller ou a comedia, mostra de diversidade.
Nesta primeira convocatoria pasarán polo centro cultural Marcos Valcárcel a adiantar os seus proxectos en diferentes fases (desenvolvemento, preprodución e rodaxe): Xosé Zapata falará de Mr. Ficher’s chair, curta de animación que codirixe con Lorenzo Degl’Innocenti e conta con Woody Allen como voz narradora. Ángel de la Cruz presentará Non poderás levantarte, das produtoras Ézaro Films e Enrique Cerezo. Xavier Bermúdez traerá Aburiño, que, producida por Xamalú, terá como escenario O Carballiño. Andrés Goteira amosará Monstro, con Antonio Durán Morris, da produtora Gaitafilmes. Ledicia Sola presentará As augas, que conta con Alfonso Zarauza na produción e a propia Ledicia como protagonista. Álvaro Pulpeiro falará de Petróleo, filme producido por Zuzú Cinema e a galega Miramemira. Chema Cagino dará a coñecer Frank Soutelo, investigador privado, adaptación do personaxe de novela negra creado por Miguel Anxo Fernández, coa produción de Recrea Films.