Que ninguén é imprescindible é o mantra, especialmente produtivo na esfera da empresa pública, de todos os mediocres. É mais, a desproporción entre mediocres e imprescindibles ao longo da historia da humanidade é abrumadoramente positiva a prol daqueles. Aínda parecendo unha obviedade, en tal desproporción radica o feito de que unha selecta escolma de homes e mulleres elevasen a súa estatura por riba do común dos mortais, que, coma quen isto asina, pasarán a facer parte, cando toque, na ringleira dos prescindibles.
A historia non é un continuum feito de nadas, casualidades ou circunstancias ventureiras; dende a orixe dos tempos, a historia, ese «relato ordenado de feitos pasados», escríbena mulleres e homes, anónimos ou ornados cos loureiros da fama, que coa súa entrega a unha idea, a unha causa, a unha técnica, a un proxecto ou empresa, modelaron o seu presente e modularon o futuro dos seus conxéneres.
Permitirame vostede, en beneficio dun argumento, unha alusión un algo odiosa? Otto Dietrich, que foi xefe de prensa do réxime nazi, conta, nas memorias do seu arrepentimento, que un dos pensamentos favoritos de Hitler era que valía moito máis unha idea brillante que cen horas de oficina. Desligándonos no posible do autor da sentenza, non podo menos que participar da idea. Aí estriba a diferenza: cando Isaac Newton observou caer unha mazá ou Alexander Fleming descubriu un mofo estraño no portamostras do seu microscopio non se limitaron a completar as 99 horas de oficina de que dispoñían. Como os seres imprescindibles que chegarían a ser, aproveitaron a forza da súa intelixencia para mudar o curso da historia.
Relation aller Fürnemmen und gedenckwürdigen Historien. Dille algo? É o título do, admitido convencionalmente, primeiro xornal da historia, editado dende 1605 en Estrasburgo por Johann Carolus. Seguro que el non sabía, pero Carolus estaba inventando a prensa, a potencia comunicativa máis fulcral na historia recente da humanidade.
O equipo deste xornal, e o de todas as súas empresas asociadas, choran estes días o pasamento dun grande imprescindible. O legado da súa existencia seguirá imprimíndose todos os días nunha rotativa de Arteixo.