A proposta da creadora galega «Sobre o extravío ou a arte de perderse», un solo de danza no que Nuria Sotelo, baixo a dirección de Ana Vallés, investiga sobre «a importancia do lugar, sobre o que non se ve pero que xa está, sobre o olvido necesario e a arte de perder», poderá verse o día 13 no Pazo da Cultura
03 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A artista Furia Sotelo iniciou este luns en Narón a súa andaina na oitava edición das residencias Paraíso do 2024, un programa anual promovido polo Colectivo RPM e dirixido á danza e as artes vivas que é pioneiro en Galicia. O naronés Pazo da Cultura acolle, ata o venres 13 de setembro, a residencia do artista en torno á proposta da creadora galega, Sobre o extravío ou a arte de perderse, un solo de danza no que Nuria Sotelo, baixo a dirección de Ana Vallés, investiga sobre «a importancia do lugar, sobre o que non se ve pero que xa está, sobre o olvido necesario e a arte de perder».
Unha vez rematada a residencia, a artista ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, no mesmo Pazo da Cultura, ese venres, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, Sotelo participará, xunto ao resto de artistas Paraíso 2024, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.
Sobre o extravío ou a arte de perderse é un solo de danza no que Nuria Sotelo indaga o xeito en que «o corpo fai lugar e a presenza transforma o espazo, converténdose en parte do mesmo, transformándose en obxecto». No proceso de creación, contará co deseño de iluminación de Laura Iturralde e a composición sonora de Camille Hedouin, para «xerar unha suspensión de tempo e espazo, rompendo así a sensación do tempo lineal, na que incorporar o movemento dun corpo brando, coa lixeireza dun corpo disposto á danza, coa naturalidade cotiá do camiñar, lavarse as mans ou preparar unha cafeteira».
Compañía Licenciada Sotelo
A compañía Licenciada Sotelo aparece no 2010 coa presentación de Nuria dirixida por Ana Vallés coa obra Métanse nos seus asuntos. A partir dese momento, Licenciada Sotelo, co corpo e o movemento como centro, camiña en busca dunha linguaxe escénica ecléctica e multidisciplinar, sinala a produtora. Licenciada Sotelo promove diversas pezas que se puideron ver en redes de teatros autonómicas e festivais nacionais e internacionais. No 2016 recibiu o premio da 30.ª edición do Certame Coreográfico de Madrid pola súa obra Ensaio amor e, co seu penúltimo espectáculo de sala Mortais e vulnerables, a compañía pasa a chamarse Furia Sotelo.
Nuria Sotelo é veterinaria conversa, bailarina, coreógrafa, fundadora e directora artística da compañía de danza-teatro Furia Sotelo, directora do espazo de danza do Campus de Ourense UV, docente no eido do movemento, traballadora no ámbito social das artes, impulsora e coordinadora do espazo de creación artística e acción social no medio rural A Casa Vella. No seu afán por colaborar co desenvolvemento artístico do territorio, centrou o seu traballo en Galicia, traballando como intérprete en diferentes compañías de danza e de teatro, e realiza encargos e colaboracións puntuais como coreógrafa para diferentes artistas, compañías e eventos.
Ana Vallés é cofundadora da compañía Matarile Teatro (1986), na que dirixiu máis de trinta montaxes. O último, FRÁXIL Handle With care, terceira parte da Triloxía da fraxilidade, foi estreado no 2023 en coprodución co Teatro Español e o CDG. O seu traballo visual foi exposto tanto individualmente como en mostras colectivas en Uruguai, Italia, Perú, España e Bulgaria.